Publicidade
Contacto
|
*A Mesa solicita un maior recoñecemento para o galego no Estatuto de Castela e León
En apoio a unha iniciativa de Fala Ceibe do Bierzo
Redacción 19 de setembro de 2006 A agrupación cidadá Fala Ceibe do Bierzo instou a todo tipo de entidades galegas a que fixesen chegar a súa solicitude de que o galego obteña un maior recoñecemento no Estatuto de Castela e León, que está en proceso de elaboración e que será previsibelmente aprobado en pleno autonómico o próximo 29 de novembro.
En apoio a esta iniciativa de Fala Ceibe, o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, enviou unha misiva de apoio á Comisión de Reforma do Estatuto de Autonomía das Cortes de Castela e León. Callón pide “que no novo Estatuto de Castela e León se garantan os dereitos lingüísticos das dúas comarcas galego-falantes: O Bierzo e a Alta Seabra”, para o cal é necesaria “unha declaración de oficialidade do galego neste novo Estatuto”.
O Presidente da Mesa lembra tamén que “a modificación do Estatuto significa unha oportunidade extraordinaria para garantir que nestas dúas comarcas se cumpra a Carta Europea das Linguas, un tratado internacional ratificado polo Estado español no ano 2001, mais que aínda fica lonxe de se aplicar en Castela e León, por non gozar o galego dos mínimos de oficialidade que lle corresponden como lingua propia desas zonas”.
A Mesa pola Normalización Lingüística tamén fai un chamamento a todo tipo de entidades e institucións de Galiza para que se adhiran á proposta de Fala Ceibe e transmitan un comunicado no mesmo sentido á Comisión de Reforma do Estatuto de Autonomía das Cortes de Castela e León.
Voltar a novas
Ver anteriores
|
|