Publicidade
Contacto
|
*Secretario Xeral de Emigración recibe aos responsables de fillos.org
A delegación da Asociación Fillos de Galicia viaxa a Santiago
para ofrecer a Manuel Luis Rodríguez a súa colaboración no ámbito
de Internet
Redacción 19 de setembro de 2006 Manuel Casal Lodeiro, creador do maior portal da diáspora
galega en Internet (Fillos.org), encabezará a delegación que se
reunirá o xoves día 21 de Setembro co Secretario Xeral de
Emigración. O obxectivo principal da reunión, segundo declararon
os responsables desta organización, é obteren unha resposta á
proposta de convenio presentada a Emigración hai sete meses,
cuxo propósito é rachar coa falta de apoio e colaboración que
caracterizou a súa relación coa Xunta ate o de agora.
"Estamos convencidos de que se realmente a Xunta quere axir
en serio en Internet a prol dos nosos emigrantes, debe contar
connosco, como principal punto de contacto", explica Casal
Lodeiro. "Non o faceren é desperdiciar esforzo e diñeiro dos
contribuíntes para tentar crearen desde cero o que nós
levamos case dez anos construíndo", indica en referencia ao
portal Fillos.org que conta xa con máis de 3.700 usuarios
rexistrados e cen mil visitas mensuais, en comparación co
portal GaliciaAberta, creado no 2005 pola anterior
administración galega e que o novo goberno segue a tratar
de impulsar.
Na reunión programada para primeira hora do xoves, Fillos
expoñerá ao Secretario Xeral a súa aprobación á existencia
dun web institucional, pero solicitarán que o devandito web
non lles vire as costas á rede de portais creados por esta
asociación durante estes anos de inhibición institucional
no ámbito de Internet, senón que conte con eles como
vehículo para o contacto cos milleiros de emigrantes e
descendentes que utilizan a cotío esta Rede para manteren
os seus lazos con Galicia e mais a súa cultura.
A Asociación Fillos de Galicia acudirá á reunión cunha
mensaxe clara: "Cremos que a Xunta non pode ignorar
por máis tempo aos milleiros de internautas que nos xuntamos
en torno a Fillos.org nin o esforzo que levamos realizando
de forma pioneira e sen respaldo económico das
institucións", conclúen.
Voltar a novas
Ver anteriores
|
|