Publicidade
Contacto
|
*Comunicado de ADEGA sobre a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula o estudo de impacto ambiental da planta de gas na Ría de Ferrol
A Xunta de Galiza pretende recorrer unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que obrigaría a REGANOSA a anular o Estudo de Impacto Ambiental vixente e realizar un novo Estudo para a instalación dunha planta de gas no interior da ría de Ferrol.
Non é a primeira vez que o mais alto tribunal de Galiza sentencia en contra de esta instalación. Xa no ano 2004 a Xunta presidida polo Sr. Fraga recorreu outra sentencia que daba a razón ao solicitado polo Concello de Ferrol, gobernado daquela polo PSOE e BNG, recurso que aínda está sen resolver e que permitiu que as obras de construción dunha planta de gas ilegal puideran continuar.
O pasado día 6 setembro o conselleiro de Medio Ambiente anunciaba maiores medidas de seguridade para as empresas que almacenen ou manexen substancias perigosas, para evitar no futuro accidentes como o do río Umia. Casualmente, o mesmo día en que os servizos xurídicos da Xunta presentaban un recurso cuxos únicos fins son tratar que REGANOSA eluda as mínimas normas de seguridade e gañe tempo para continuar así coa consabida política dos feitos consumados.
A planta de gas pode supoñer un importante risco de catástrofe ambiental para Galiza nos vindeiros anos, que aínda estamos a tempo de evitar. O goberno actual non debería contribuír a avalar decisións ilegais tomadas no pasado.
ADEGA solicita ao Sr. Conselleiro de Medio Ambiente, apelando a súa responsabilidade que, por coherencia e respecto ás institucións galegas, alias de razóns de seguridade cidadá e ambiental, retire os recursos ante o Tribunal Supremo.
Voltar a novas
Ver anteriores
|
|