Publicidade
Contacto
|
*O Club Internacional de Prensa reinicia o curso con Eduardo Galeano, Luis Toledo, as xornadas “Aquí collemos tod@s” e con José Antonio Marina
Redacción 19 de setembro de 2006 O escritor uruguaio Eduardo Galeano será quen de abrir o ciclo que baixo o título “América, cada vez máis latina”, organiza o Club Internacional de Prensa (da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galiza) dentro do espazo “Os Encontros do Club”. Esta Conferencia, que terá lugar o 4 de outubro próximo ás 20:00 hs no Aula Sociocultural de Caixa Galiza (Carreira do Conde, en Santiago), leva por título “Os outros sete pecados capitais”, un contido que como é habitual na figura deste escritor comprometido socialmente, ofrecerá a súa visión sobre a situación dos países latinoamericanos, que de seguro, estenderá tamén ó resto do mundo.
A seguinte conferencia dentro deste ciclo, será a do escritor cubano e Agregado Cultural da Embaixada de Cuba en España, Luis Toledo Sande, quen se cuestionará o propio título do ciclo: “A nosa América, ¿cada vez máis latina?. Este acto será o 20 de outubro, no Salón de Actos da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, na rúa do Vilar 7, en Santiago. O ciclo continuará ó longo dos meses deste ano e do vindeiro.
Aquí, collemos tod@s
A integración social dos distintos colectivos que viven situacións de enfermidades ou discapacidades, e mesmo os que viven a súa terceira idade, será obxecto das seguintes Xornadas que organiza o Club Internacional de Prensa, e nas que colabora a Secretaría Xeral de Benestar de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia. “Aquí collemos tod@s” constará de cinco mesas de debate: A integración nas persoas con discapacidades físicas e psíquicas; ver @s xord@s, escoitar @s ceg@s; Unha vida condicionada pola enfermidade; Nen@s con cualidades especiais, e Os Maiores: Presente Indicativo. Nas mesas participarán a meirande parte das Asociacións, Federacións, Colectivos e profesionais que representan ós distintos grupos afectados por estas características no noso país. Estas Xornadas celebraranse na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago, os días 25, 26 e 27 de outubro próximo, e o prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns 25 de setembro, malia que a asistencia independente a cada unha das Mesas, será libre.
José Antonio Marina, as relixións e a sociedade
Relixións e Sociedade, será o tema sobre o que verse a Conferencia que o día 10 de novembro, ofrecerá o filósofo e escritor José Antonio Marina, no Aula Sociocultural de Caixa Galicia (Carreira do Conde), un tema no que Marina debullará a utilización das relixións polas distintas sociedades confesionais e as consecuencias que a súa interpretación arroxan no mundo. A actualidade, está servida.
Voltar a novas
Ver
anteriores |
|