ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
En resposta a unha pregunta do BNG, o goberno non garante o futuro da Fábrica de Armas da Coruña a partir do 2006


Redacción 19 de xaneiro 2006 Francisco Rodríguez denuncia que General Dynamics “está preparando o terreo para pechar Santa Bárbara” e lembra que os terreos son propiedade do Ministerio de Defensa.

O Goberno español non garante o futuro da Fábrica de Armas da Coruña máis aló de Xullo de 2006, data na que remata a vixencia dos compromisos do Plan Industrial suscrito en 2001 pola m
ultinacional armamentística estadounidense General Dynamics, cando adquiriu a Empresa Nacional Santa Bárbara á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Así consta na resposta do Executivo Central a unha pregunta do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, na que alertaba do “futuro incerto” da Fábrica de Armas da Coruña máis aló do 2006, cando expiran as obrigas de mantemento de plantilla, carga de traballo, transferencia de tecnoloxía...etc asumidas por General Dynamics no proceso de privatización.

Na súa interpelación, o parlamentario do BNG demandáballe á SEPI e ao Ministerio de Industria se pretendían executar a cláusula penal incluída no contrato de compra-venda en garantía desas obrigas; se se pensaba prorrogar esas obrigas máis aló do 2006; así como cales son as perspectivas de carga de traballo e diversificación da produción para a fábrica de armas da Coruña.

Porén, na súa resposta o Goberno limítase a afirmar que “a responsabilidade da SEPI céntrase no seguimento dos compromisos do comprador, actuación que rematará en Xullo de 2006”, sen garantir a partir desa data o futuro da empresa.

Ademáis, engade que “unha vez producida a súa privatización, Santa Bárbara Sistemas -o novo nome da empresa trala venda a General Dynamics- desfruta das mesmas condicións que calquera outra empresa privada á hora de concorrer ás diferentes licitacións públicas”.

Por último, o Executivo Central tampouco concreta as perspectivas de novos contratos e perspectivas de diversificación da produción para a Fábrica de Armas da Coruña e só se compromete a que “todos os programas de armamento, munición e material militar, e as súas actividades complementarias encomendadas a Santa Bárbara Sistemas, actualmente en curso, continuarán realizándose (...) até a súa finalización”.

PECHE DA FACTORÍA

O deputado do BNG lembra que neste momento a carga de traballo da factoría de Santa Bárbara da Coruña redúcese aos 5.000 fusís HK que quedan por montar do pedido realizado polo Exército español e que para o presente 2006 “a dirección da fábrica xa fixo saber ao Comité de Empresa que a ocupación dificilmente superará o 30 por cento”.

Deste xeito, para Francisco Rodríguez “todo indica que General Dynamics está preparando o terreo para pechar a fábrica de armas da Coruña, impedindo a chegada de nova carga de traballo e a diversificación da produción, quizás en connivencia cun Ministerio de Defensa que, como propietario dos terreos nos que se asenta a fábrica, espera que venza o prazo de reversión”.

A Fábrica de Armas da Coruña proporciona emprego directo a 219 persoas e xera un volume de traballo inducido doutros 200 operarios.


Voltar a novas

Ver anteriores