Publicidade
Contacto
|
*O alude provocado polo escorregamento do escombro dunha canteira en Samos arrasa con un valioso patrimonio etnográfico no río Castelo.
Redacción 18 de decembro de 2006 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza vén de denunciar ante o SEPRONA á empresa Pizarras del Oribio como responsábel da destrución por completo, ao longo dun recorrido duns tres quilómetros, de un mazo e de cinco muíños, ademais dun total de oito presas e varias pontellas, nas beiras do río do Castelo (Samos).
A canteira, rexistrada co nome Vetusta 5.575, está localizada completamente dentro do LIC Ancares-Courel e aínda que conta con declaración de impacto ambiental favorábel do ano 1996 e concesión de industria do 1997, non nos consta que conte con licenza municipal nin tampouco coa autorización urbanística da Xunta de Galiza nin de autorización da Confederación Hidrográfica do Norte para a ocupación da zona do canle, da zona de servidume e da zona de policía do río.
Esta canteira é un exemplo máis das continuada ilegalidade a que estaban afeitos os empresarios da pedra e da lousa, sen reparo algún, non xa en non contar coas preceptivas autorizacións, senón en, nin sequera, cumprir co condicionado imposto pola propia declaración de impacto ambiental.
ADEGA solicita do SEPRONA unha investigación exhaustiva sobre a legalidade da canteira e o cumprimento do condicionado ambiental disposto na Declaración de Impacto Ambiental, no Plan de Restauración e no Plan de labores. Así mesmo solicita da Delegación de Industria (como órgano substantivo ao que a lexislación de impacto ambiental encomenda a vixilancia ambiental) e máis da Delegación de Medio Ambiente (a quen a Lei de Conservación da Natureza lle encomenda a vixilancia dos espazos naturais protexidos) para que obriguen á empresa a cumprir coa legalidade e con todo o condicionado ambiental da Declaración de Impacto Ambiental, do Plan de Restauración ou do Plan de Labores.
Temos que recordar que se trata dunha canteira que, na tramitación da avaliación de impacto ambiental, foi informada desfavorabelmente pola entón Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural por xa, entre outras cousas, ter ocupado ilegalmente o canle do río sen autorización de ningún tipo. É tempo xa de que a lexislación ambiental sexa algo máis que un índice de páxinas no Boletín Oficial e empece a ser aplicada a todos e a todas por igual.
>
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|