Publicidade
Contacto
|
*ADEGA e a CIG denuncian o desvio de lixo dende SOGAMA a Lousame e Nostián
Redacción 18 de outubro de 2006 Esta decisión da consellería ameaza con saturar os complexos de Lousame e Nostián. ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza) e a CIG (Confederación Intersindical Galega) denuncian que, debido a problemas de negociación do convenio colectivo de SOGAMA, estanse producindo desvíos de lixo procedentes do contedor amarelo (envases e residuos de envases) que poden provocar graves problemas medioambientais.
A CIG e a UXT comezaron unha folga parcial no complexo de SOGAMA de duas horas de duración por cada turno. A Consellería de Medio Ambiente, para contrarrestar esta folga, decidiu comezar onte o envío de camións con residuos dende SOGAMA até a planta de reciclaxe de Nostián (A Coruña), e a partir desta mañá á planta de reciclaxe de Lousame.
Tanto Lousame como Nostián non teñen capacidade sobrante de tratamento para estes refugallos, que non sempre están compostso por envases senón que tamén conteñen residuos urbanos sen clasificar. Debido á limitada capacidade destas duas plantas, o lixo derivado de SOGAMA irá directamente aos vertedoiros de Lousame e Nostián. Este feito acurtará a vida útil dos vertedeiros temporais destas plantas e provocará prexuizos tanto económicos como medioambientais (este lixo non se reciclará).
As peticións dos sindicatos convocantes da folga van encamiñadas tanto á dotación das medidas de seguridade para os traballadores, como a reclamar un sistema de productividade incentivada e o cumprimento do convenio colectivo vixente, así como un regulamento de coordinación efectiva entre SOGAMA e todas as súas subcontratas. Alén disto, dende a CIG resáltase que estes desvíos de lixo van contra o dereito de folga dos traballadores.
Tanto ADEGA como a CIG anuncian que de non modificar estes desvíos de refugallos comezarán mobilizacións para rematar con estas prácticas irregulares e que non se poña en perigo a viabilidade dos sistemas de tratamento alternativos a SOGAMA.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|