|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Salvat-Bruño
substitúe a toda présa a edición en catalán
do último álbum de Astérix, mais non ten
tempo para traducilo ao galego
Redacción
18 de
outubro 2005 A editora do
último álbum de Astérix fica en evidencia
polos seus coidados co catalán e o seu desprezo polo
galego. Esta reedición e distribución en catalán
realizarase en menos dunha semana e débese a que a tiraxe
contiña erros ortográficos.
O pasado venres,
co lanzamento internacional do álbum coas novas aventuras
de Astérix e Obélix, Salvat-Bruño decatouse
de que a portada en catalán contiña varios erros
ortográficos. Por isto, decidiron retirar os 50.000
exemplares que puxeran á venda e volver a editalos nun
prazo inferior a unha semana.
Chama a atención a
capacidade para repor este erro nun prazo tan breve de tempo e, en
troca, a lentitude da reacción ante a demanda cidadá
de galegas e galegos para que este álbum saia tamén
na nosa lingua.
Desde as Mocidades da Mesa considérase
que Salvat-Bruño “fica en evidencia” ao asumir
o gasto de retirar, destruír e reeditar 50.000 exemplares
das aventuras de Astérix en catalán nuns poucos días
mais decidan que a edición en galego da obra non é
rendíbel para eles.
A
Mocidade pola Normalización Lingüística leva
varias semanas facendo un chamamento para que todos os que
consideren que Salvat Bruño está a discriminar a
nosa lingua poidan enviarlle as súas queixas a esta
editora. Apoiaron xa esta solicitude unhas 4.000 persoas, ademais
dos seguintes centros de ensino: IES de Melide, IES Esparís
(Brión), CEIP da Ponte das Doiras (Os Ancares), Centro
Educativo Galén (Lugo), CPI Eusebio Lorenzo Baleirón
(Dodro) e o IES As Mariñas. Tamén fixo un chamamento
para esta tradución o colectivo BD-Banda.
A Mocidade
pola Normalización está a estudar novas medidas para
facerlle ver a Salvat-Bruño o descontento dos lectores
galegos das aventuras de Astérix e Obélix. Vista a
incidencia desta discriminación cara a nosa lingua nos
propios centros unha das posibilidades coas que se traballa é
facer un chamamento ao boicot a todos os produtos editoriais das
marcas Salvat e Bruño.
Máis información
sobre a campaña e fotografías das actividades de
varios centros de ensino en:
http://www.amesanl.org/mnl/brunhoAsterix.html
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|