ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Máis de 20.000 persoas reclamaron onte en Compostela que o galego sexa "dereito e deber" no novo Estatuto


Mani 17 maioRedacción 18 de maio de 2006 Carlos Callón, presidente da Mesa: “Sen o deber de coñecemento non haberá dereito de uso”. Unha manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüísica percorreu hoxe as rúas de Santiago de Compostela para demandar que no proceso de elaboración do novo Estatuto se teña en conta a situación e as necesidades da lingua galega, de xeito que supoña “un salto adiante para o idioma que nos une”.


No acto de feche, celebrado na Praza da Quintana, varios cidadáns e cidadás deron lectura ao manifesto “Porque temos, porque queremos, porque debemos”, no cal se pide que no novo Estatuto o galego apareza como “dereito e deber” e que conteña unha “carta de dereitos lingüísticos” como “garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna”.

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, fechou o acto cunha intervención na que subliñou que “sen o deber de coñecemento non haberá dereito de uso”. Callón considera que “igual que o novo Estatuto ten que servir para solucionar moitos problemas dos galegos e galegas, ten que servir tamén para evitar as discriminacións lingüísticas que aínda se continúan a producir na actualidade. Ten que ser un Estatuto de tolerancia cero coa discriminación lingüística e que non permita que os cidadáns e cidadás que queiran utilizar o galego sexan tratados como obxectores de consciencia”. O presidente da entidade convocante da mobilización tamén valorou positivamente “que nestes momentos haxa un debate aberto na sociedade sobre as políticas necesarias para o galego, do cal poden saír moi bos resultados”.

Cada artigo do manifesto final foi lido por unha Faixa CAF 17 maiopersoa que representa unha problemática concreta que o novo Estatuto pode solucionar. Mercedes Queixas, unha nai que ve como a escola lle está a cambiar a lingua aos seus fillos, leu a petición de “que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario”; Angel Penabad, reprendido por falar en galego nun estabelecemento de McDonald’s en Ferrol, reclamou “que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos”; a xornalista de TVE Tareixa Navaza demandou “que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE”; Carlos Outeiro e Ana Varela, que se viron obrigados a casar con intérprete, pediron “que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza”; Lois Diéguez, que tivo que cambiar cinco veces de notario para poder facer a escritura de compra-venda en galego, leu a solicitude de que “todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística”; Silvia Ribas, Secretaria Xeral de Fala Ceibe do Bierzo, demandou “que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.” Tamén procederán a ler outros fragmentos do manifesto Bieito Iglesias, Pilar García Negro, Anxo Gómez, Patricia Arias Chachero, Xosé Manuel Sardiña e Montse Irago, esta última despedida por falar en galego cos seus compañeiros de traballo.

Voltar a novas


Ver anteriores