|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*300
persoas de diversos sectores profesionais, económicos e
culturais celebran en Allariz un acto de adhesión á
candidatura de Quintana á presidencia
Redacción,
18 de maio
2005. Quintana
agradeceu o apoio amosado através desta iniciativa cidadá,
apresentada polo presidente da Asociación Española
de Medicina Xeral, Xosé Manuel Solla. O portavoz
e candidato do BNG,
Anxo Quintana, participou na tarde de onte en Allariz nun acto
organizado por máis de 300 persoas de diversos sectores
profisionais, económicos, culturais e sociais que a título
individual amosaron o seu apoio á candidatura do líder
nacionalista á presidencia da Xunta e recalcaron a súa
aposta decidida porque se produza un cambio galego tras os
comicios do 19 de Xuño.
Quintana agradeceu o apoio
desta iniciativa cidadá que foi apresentada polo presidente
da Asociación Española de Medicina Xeral, Xosé
Manuel Solla, nun acto no que tomaron parte maioritariamente
veciños e veciñas de Allariz e do conxunto da
provincia de Ourense. Nel salientouse o labor feito polo líder
do BNG durante a súa etapa como alcalde desta vila e
expresouse a confianza en que poda realizar esa mesma tarefa como
presidente de Galiza.
“Síntome
honrado de que persoas como vós, con independencia das
diferentes adscricións políticas de cada un,
consideredes que son unha persoa adecuada para liderar o cambio
que se vai producir tras o 19 de Xuño”, expresou
Quintana, quen explicou que da súa responsabilidade como
alcalde de Allariz conserva “o convencimento de que a
política require o contacto directo e cotiá coa
xente, e que consiste en traballar para converter os soños
de todos en realidades”.
A Galiza
que Quintana espera encontrar, explicou, non será moi
diferente á situación que atopou cando asumiu a
Alcaldía. “Unha cidadanía que ten gañas
dun cambio que free o deterioro do mercado laboral, que free o
deterioro dos servizos públicos, que poña fin ao
deterioro do benestar social”, alegou.
O candidato
nacionalista salientou que, igual que confiou nas posibilidades
deste concello, acredita nas de Galiza, “nos seus recursos e
nos seus valores”. “Hai moitos que poden pensar que se
trata dunha empresa moi difícil porque Allariz non é
Galiza, pero espero que, cun presidente nacionalista, Galiza
chegue a ser como Allariz”, concluíu.
Ao acto
tamén asistiron os candidatos pola provincia de Ourense,
Iago Tabarés, Tareixa Paz e Antucho Espinosa, o alcalde
alaricano e numerosos cargos políticos e institucionais do
BNG na provincia.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|