ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Quintana: “este 17 de maio estamos ás portas dun cambio galego que suporá o comezo dunha nova política cultural e lingüística”


Redacción, 18 de maio 2005. O BNG louba o compromiso diario de todos os galegos que empregan a nosa lingua con normalidade e promoven sen complexos o seu uso. O portavoz nacional do BNG e candidato á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, salientou onte en Santiago que este Día das Letras Galegas “se dá nun contexto especial” porque o país “está ás portas dun cambio galego que terá, no ámbito cultural e lingüítico, unha incidencia sobranceira” e suporá o comezo “dunha nova política cultural e lingüística”.

Quintana, alén do máis, loubou o compromiso diario de todos os galegos e galegas que empregan “a nosa lingua con normalidade e promoven sen complexos o seu uso” O líder nacionalista expresábase así durante a lectura da declaración do BNG con motivo da conmemoración do 17 de Maio, durante o acto celebrado no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval, no que se fixo unha ofrenda floral a Castelao e Rosalía de Castro.

Quintana proclamou que o cambio galego suporá a “galeguización efectiva do ensino, da Administración, da Xustiza, do mundo económico, dos medios de comunicación e das manifestacións relixiosas e deportivas”. Será tamén “o comezo do respecto pola nosa toponímia e o comezo da posta en valor das nosas industrias culturais”.

Para que o galego pase a ser a língua de uso cotián en eidos que ata agora lle están cuasi vedados, o futuro Goberno nacionalista comezará por facer cumprir o Plano Xeral de Normalización Lingüística estabelecendo “obxectivos, recursos e prazos”. O BNG “renova o seu compromiso insubornábel coa lingua” porque é grazas ao idioma “que existimos como nación, que oferecemos ao mundo unha identidade propia, contibuíndo de xeito orixinal e moderna á cultura universal”.

Ao acto asistiron todos os cabezas de lista, a maior parte dos membros da Executiva Nacional, deputados, alcaldes do BNG e meio centear de responsábeis políticos do Bloque.

Reproducimos o comunicado íntegro a continuación:

TORRES E AMOR A GALIZA

Co título dun dos poemarios máis coñecidos de Lourenzo Varela, o BNG quer hoxe, no Día das nosas Letras, renovar o seu compromiso insubornábel coa lingua e coa cultura do país. Un compromiso asinado diariamente por todos os homes e as mulleres nacionalistas que no mundo do traballo, da empresa, do deporte, da criazón artística e das institucións públicas empregan a nosa lingua con normalidade e promoven sen complexos o seu uso.

Porque a lingua, dicía Novoneyra, é a forma do país. É pola lingua que existimos como nación diferenciada. É por ela que podemos oferecer ao mundo unha identidade propia, contribuírmos de xeito orixinal e moderno á cultura universal.

Sen o galego non somos nada. Co galego podemos aspirar a selo todo. A ser un país plenamente normalizado. A ser un país que compartille co resto dos pobos as súas riquezas culturais, a comezar polos seu patrimonio e criazón máis xenuína, a súa lingua propria. Co galego podemos aspirar a sermos recoñecidos como o que somos, un pobo orgulloso de si mesmo e que ten aínda moitas potencialidades que liberar.

Este 17 de Maio, día das nosas letras, dáse nun contexto especial: estamos ás portas dun cambio galego que terá, no ámbito cultural e lingüístico, unha incidencia sobranceira. O cambio galego, o país novo, arelado por unha ampla aioría de galegos e galegas é, ten de ser, o comezo dunha nova política cultural e lingüística. O comezo da galeguización efectiva do ensino, da administración, da xustiza, do mundo económico, dos meios de comunicación, das manifestacións relixiosas e das deportivas. O comezo do respecto pola nosa toponimia. O comezo da posta en valor das nosas industrias culturais – audiovisual, editorial – capaces de proxectarnos no mundo. O comezo, con obxectivos, recursos e prazos concretos, do cumprimento do Plano Xeral de Normalización Lingüística que o Parlamento aprobou por unanimidade o pasado mes de Setembro.

O cambio, para ser real, ten que ser un cambio en galego. Isto non é só un slogan máis ou menos afortunado. Isto é o que pensa a imensa maioría dos nosos compatriotas. O cambio, para ser real, ten que vir de nós mesmos. E non hai nada que nos sexa máis proprio, que nos remita máis para nós mesmos, que a nosa língua, que a nosa cultura.

Un cambio en galego significa aspirar a viver con normalidade o que viven acotío outras sociedades nacionais: viver todos os días da nosa vida, e non só nunha data aillada no calendario, na nosa língua, viver todos os días da nosa vida na nosa cultura, que por ser nosa poderá comunícarse en ósmose gozosa coas outras culturas, cos outros tesouros da Humanidade.

Imos facer o cambio en galego. Non por fachenda, senón porque os do BNG estamos ao servizo do pobo, ao servizo da xente, e o que a xente quer, o que o pobo quer, é que honremos a memoria das xeracións que nos precederon como a mellor garantía para gañarmos o futuro.

Que honremos a memoria de Rosalía, de Castelao, de Bóveda, de Curros, de Lourenzo Varela.

Eis o noso compromiso, o dos homes e as mulleres do BNG, coa lingua e a cultura de Galiza. Eis o noso compromiso cun país novo.

Galiza, 17 de Maio de 2005


Voltar a novas

Ver anteriores