GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns


O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA ESTUDARÁ AS PROPOSTAS REALIZADAS POLA MESA PARA OS ORZAMENTOS DE 2007
*Tras a entrevista co Presidente da Mesa, o Conselleiro de Economía interésase en negociar co Ministerio de Industria para lograr unha partida orzamentaria para o galego como a que recibe o catalán

A Mesa reclama “un Acordo Nacional sobre Lingua baseado no cumprimento dos consensos: o Plan Xeral, a Carta Europea das Linguas e a propia lexislación”

Redacción 17 de outubro de 2006 O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivo onte unha entrevista co Conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, para tratar as propostas da organización cidadá para que nos orzamentos do ano próximo se materialicen as medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento no ano 2004.

Carlos Callón valorou positivamente a dilixencia e a receptividade do Conselleiro á hora de escoitar as propostas da Mesa, “que non son outras que conseguir que se concreten economicamente os consensos existentes sobre a promoción do galego”.

O representante da entidade cidadá considera “unha irregularidade” que o Plan Xeral, a pesar de ser acordado cos votos favorábeis de todos os grupos, continúe sen plasmarse na práctica global do Goberno. Para Callón, “os orzamentos de 2007 son a oportunidade para subsanar esa irregularidade: que o Plan Xeral deixe de ser unha entelequia e comece a ser a realidade sobre a que cimentar un grande Acordo Nacional sobre Lingua”.

A Mesa reclama “un novo tempo para o galego, cunha política lingüística baseada no cumprimento dos consensos xa existentes: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Carta Europea das Linguas e a lexislación xa existente, que debe ser acatada sen excepcións por todas as Administracións, non só porque se refira a un elemento fundamental da nosa identidade como galegos e como galegas, senón sobre todo porque o cumprimento das normas é esencial para a democracia e a convivencia.” Nese sentido, A Mesa lembra que tanto o Plan Xeral como a Carta Europea ou a Lei de Normalización Lingüística “foron aprobadas por unanimidade, polo que a súa aplicación se fai aínda máis inescusábel”.

Propostas concretas formuladas ao Conselleiro de Economía

O Presidente da Mesa indicoulle a Fernández Antonio que hai dúas medidas do Plan Xeral que son de especial relevo para a Consellaría de Economía, que debe dar instrucións para que sexan aplicadas por todos os departamentos do Goberno galego:

- Medida 1.1.5 Estabelecer que todas as axudas públicas, de calquera tipo, deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora e avaliar o cumprimento.

- Medida 4.2.9 Incorporar como criterio das concesións de axudas públicas ou contratos coa Administración pública a implicación da empresa no uso do galego, introducindo en todas as axudas unha cláusula de promoción do galego.

O Conselleiro mostrouse favorábel a analizar a aplicación global en toda a Administración autonómica de ambas as medidas, dado que foran aprobadas por unanimidade no Parlamento. Nese sentido, indicou que estudará a súa aplicación xeral no ano 2007.

Callón observou tamén “a pertinencia de que todas as Consellarías teñan partidas orzamentarias específicas vinculadas a medidas concretas do Plan Xeral”, algo que desde A Mesa se está a transmitir aos diferentes conselleiros e conselleiras.

Por último, Callón sinaloulle a Fernández Antonio a importancia de que desde o Goberno galego se xestione un convenio co Goberno central como o conseguido pola Generalitat de Catalunya, e a través do cal o Ministerio de Industria financia con nove millóns de euros as políticas de promoción da lingua propia do Principat. Fernández Antonio agradeceu particularmente esa información transmitida polo representante da Mesa e mostrouse moi interesado en iniciar as negociacións pertinentes co Goberno central.

Voltar a novas

Ver anteriores