Publicidade
Contacto
|
*A Mesa reclama que “Touriño poña orde e o Goberno galego faga cumprir as leis ao Concello da Coruña”
Redacción 17 de outubro de 2006 “É impropio dun gobernante serio e responsábel minimizar un acto de delincuencia”.
Perante as declaracións realizadas na mañá de onte polo Conselleiro de Presidencia sobre a oficialidade do topónimo A Coruña, A Mesa pola Normalización Lingüística expresa o seguinte:
1. Independentemente da opinión persoal que poida ter José Luis Méndez Romeu, a desobediencia aos tribunais é un acto de delincuencia.
2. Tanto a Lei de Normalización Lingüística (1983) como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego e consideran que a única forma oficial dos topónimos galegos é a xenuína, a galega. Non hai consenso posíbel maior que esa unanimidade.
3. Resulta impropio dun Conselleiro serio e responsábel, máxime se ten ao seu cargo os departamentos de Administracións Públicas e Xustiza, que se tente minimizar un acto de delincuencia debido a que quen o cometeu é do seu propio partido.
4. Neste caso, ademais, dito Conselleiro ten implicación directa nesta situación, e non só como cómplice. Méndez Romeu, sendo concelleiro de Cultura na Coruña, xa manifestou en diversas ocasións a súa negativa a utilizar oficialmente a forma “A Coruña”. Así, cando saíu a primeira sentenza sobre o tema do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza afirmou: “No lo vamos a aceptar y seguiremos luchando hasta el final” (declaracións publicadas o 5 de agosto de 1994).
5. A Mesa considera que as declaracións desta mañá retratan a Méndez Romeu como un incivil con severas fobias contra o galego, dentro dese núcleo duro do PSOE que se nega a calquera mínimo adianto para a nosa lingua e que, en casos como este, mesmo procura que haxa retrocesos en aspectos simbólicos que foron aprobados por unanimidade. Ao longo da súa vida política, Méndez Romeu ten demostrado en numerosas ocasións a súa fobia contra o galego, que considera con esquemas diglósicos.
6. Resulta esperpéntico pensarmos que da Consellaría que dirixe Méndez Romeu depende organicamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, non é de estrañar que o departamento de Política Lingüística do Goberno galego estea a pasar por unha das etapas máis vergoñentas de toda a Autonomía
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|