ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Quintana advoga en Vigo por deseñar “espazos de acordo” entre as forzas políticas para conseguir un novo estatuto de nación “ambicioso”


Redacción 17 de marzo 2006 Cando nos sentemos no Consello de Política Fiscal e Financeira que sexa para debater a proposta de Galiza e non só a de Catalunya”.

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, advogou este serán en Vigo por deseñar “espazos de acordo” entre as forzas políticas galegas para conseguir un Novo Estatuto de Nación “ambicioso” e que garanta a plena equiparación do noso país con Euskadi e Catalunya.

“Quero propor un debate desapaixoado e que procure solucións pragmáticas”, afirmou o líder nacionalista durante a súa intervención no acto organizado polo BNG da comarca de Vigo dentro da campaña que a formación realiza a favor dun Novo Estatuto de Nación. Quintana compartiu a tribuna, no Centro Social de Caixanova, co portavoz do grupo parlamentar nacionalista, Carlos Aymerich.

“En que consiste procurar solucións pragmáticas? Pois basicamente en entender que o recoñecimento de Galiza como nación, alén de ser unha débeda con nós mesmos, é tamén un imperativo se queremos que Galiza manteña a súa condición constitucional de nacionalidade á mesma altura que Euskadi e Catalunya”, indicou o portavoz nacional do BNG.

O recoñecimento nacional de Galiza é o “primeiro ámbito” no que o BNG proporá un “espazo de acordo”. O segundo é o da definición do ámbito competencial proprio da Administracióng alega. “Nese sentido, vou propor que sexamos moi ambiciosos. A grande maioría dos galegos non teñen dúbida nengunha e acreditan que canto máis autogoberno teñamos, de máis benestar desfrutaremos. As cousas fanse mellor desde aquí que se nolas intentan facer desde fóra”, engadiu.

O modelo de financiamento constituiría o “terceiro ámbito de acordo”. “Vou propor a unidade das forzas políticas galegas para facernos fortes en Madrid. Galiza debe reivindicar unha relación bilateral co Estado para defender o seu proprio modelo de financiamento. Aspiro a que cando nos sentemos no Consello de Política Fiscal e Financeira o fagamos non só para debater sobre as propostas de Catalunya, senón tamén, e sobre todo, para o facer sobre as propostas de Galiza”, acrecentou.

Por outro lado Francisco Jorquera, coordenador executivo do BNG, resaltou na tarde de onte no auditorio de Vilagarcía de Arousa a importancia de negociar un modelo de financiamento que proporcione suficiencia financeira para a administración autonómica.

O tamén senador nacionalista enfatizou ante o público arousán que o actual modelo financeiro do Estado, “no que se descentraliza o gasto e se centraliza o ingreso” xenera unha falsa imaxe de dependencia, sinalando como o Estado recadou en Galiza 7.600 millóns de euros, pero só transferiu 5.700 á administración autonómica mediante as porcentaxes de impostos cedidos e o fondo de suficiencia.

Mínimos para un acordo sobre financiamento

Os mínimos para un acordo co Estado que expón o BNG implican unha negociación bilateral, así como unha cesión de tributos que cubra o 100% das necesidades da administración autonómica. Ademais, os nacionalistas defenden que, á hora de calcular o custo dos servizos prestados pola administración autonómica, se introduzan criterios como o avellentamento da poboación e a súa dispersión.

Tamén debe valorarse o custo maior das infraestruturas, ou a existencia dunha diáspora galega que tamén demanda servizos. Así, Jorquera preguntou “Por que se en Catalunya se tivo en conta aos inmigrantes non se vai ter en conta aquí aos emigrantes?”.

Voltar a novas

Ver anteriores