ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*A Mesa pídelle ao Valedor do Pobo que “supervise” a decisión de Méndez Romeu de retirar a proba en galego das oposicións, por crear “inseguranza” a opositores e cidadáns


Redacción 17 de marzo 2006 Carlos Callón: “A retirada do galego nestas oposicións obedece ás fobias de Méndez Romeu e do sector duro do PSOE, mais contradí o acordo de Goberno e o Plan Xeral de Normalización”.

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte perante o Valedor do Pobo unha queixa na que solicita que esta institución
supervise a decisión da Consellaría de Presidencia de retirar a proba tipo test en galego das oposicións.

O presidente desta entidade, Carlos Callón, recorda que, mentres nas bases da convocatoria das oposicións se sinalaba que os exercicios tipo test terían os enunciados en lingua galega, a Consellaría de Presidencia modificou posteriormente ditas bases a través dunha instrución, algo que a xuízo de Callón “crea inseguranza a opositores e cidadáns, ademais de ser formalmente unha chafallada, posto que esa instrución modificou radicalmente as bases do concurso cando o prazo de inscrición xa estaba finalizado”.

A Mesa denunciou xa no momento da retirada desta medida que se trataba dunha “decisión política de Méndez Romeu e do sector duro do PSOE, contrario a calquera mínimo adianto para a nosa lingua”, fronte á pretensión de enmascaralo como unha “decisión xurídica”. Esta semana, o Director Xeral de Función Pública, Xosé Rodríguez González, deulle toda a razón á Mesa, ao recoñecer no Parlamento que non existe ningún impedimento legal para a entrega dos enunciados en galego nos exames tipo test. Ademais, tamén na liña do denunciado pola Mesa en reiteradas ocasións, o Director Xeral indicou que a capacidade de comprensión escrita debería ser o “nivel mínimo de exixencia, e que probabelmente habería que exixirlle así mesmo o coñecemento do galego oral”. Rodríguez González referiuse a unha sentenza do Constitucional que avala a legalidade da oferta exclusiva en galego e asegurou que “por riba do dereito dos opositores que pretenden ser examinados exclusivamente en castelán está o dereito dos galegos de ser atendidos na lingua da súa elección”.

O Director Xeral tamén indicou que se desestimaron todos os recursos que foron presentados contra a posibilidade de que os exames tipo test se desenvolvesen en galego. Porén, A Mesa recórdalle ao Valedor do Pobo na súa queixa enviada onte, que a Consellaría, aínda sendo consciente da situación creada, non voltou á letra e ao espírito das bases orixinais da convocatoria (na liña do sinalado polo Director Xeral de Función Pública), de xeito que nestas oposicións non se garante o nivel mínimo nin de coñecemento pasivo do galego; noutras palabras: que se pode ser funcionario ou funcionaria da Xunta sen entender a lingua propia de Galiza.

Voltar a novas

Ver anteriores