ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Jorquera pídelle a Touriño que “represente ao goberno no seu conxunto” e que non caia na tentación de “actuar máis como secretario xeral do seu partido que como presidente”


Redacción 17 de febreiro 2006 “A débeda histórica é un asunto entre dous, Galiza e o Estado, e son Galiza e o Estado os que se deben pór de acordo nos termos e nos prazos en que debe ser satisfeita”.

“A sociedade galega non entendería que Catalunya e Euskadi conseguisen un mellor financiamento nun diálogo bilateral co Estado e que Galiza se inhibise de facer o proprio”.

O coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, demanda ao presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño, que represente nos seus posicionamentos públicos “ao Goberno no seu conxunto” e que, consecuentemente, se absteña de “actuar máis como secretario xeral do seu partido que como presidente dun Goberno Bipartito que está sustentado por dúas forzas políticas distintas que teñen pactado un programa común”.

“Os posicionamentos públicos do presidente do Goberno deben ser produto do diálogo e do acordo entre as dúas forzas políticas que constitúen o Executivo. Non poden ser posicionamentos de parte. O presidente debe falar polo Goberno no seu conxunto e, en todo caso, o marco no que se debe mover é o respecto ao Programa Contrato que asinamos no seu día o PSdeG e o BNG e en virtude do cal se formalizou a actual maioría parlamentar que dá suporte ao Executivo”, acrecenta Jorquera.

Através deste comunicado de imprensa, o dirixente nacionalista quer deixar claro que a sociedade galega “non entendería que Euskadi e Catalunya teñan negociado o seu proprio sistema de financiamento e Galiza se inhiba de facer o proprio”.

”Se Catalunya acaba de negociar un novo marco que garante a súa suficiencia financeira, e o acaba de facer nun diálogo bilateral co Estado, como lle imos negar ese mesmo dereito a Galiza?”, pergúntase Jorquera. “Por que o que se aceita con tanta naturalidade para Catalunya e Euskadi se lle nega tan teimudamente ao noso país?”, inquire o coordenador executivo do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego, acrecenta Jorquera, considera vital que no Novo Estatuto de Galiza se inclúa un sistema de financiamento axeitado ás necesidades do país e que garanta a plena “autonomía fiscal e financeira” da nosa nación. “Debemos, no marco dunha negociación bilateral, conseguir un sistema de financiamento que teña en conta criterios como o avellantamento da populación, a dispersión do noso hábitat, a necesidade de atender aos galegos que están na emigración ou o feito de que as condición orográficas encarecen as obras de infraestruturas en Galiza”, alega.

DEBATE FALSO

Para Jorquera, constitúe un debate falso contrapor a “necesaria negociación bilateral” coa participación no Consello de Política Fiscal e Financeira. “Claro que temos que convir cousas en común as distintas comunidades autónomas en diálogo multilateral co Estado, mais iso non impide que o Goberno Galego fale co Goberno do Estado de ti a ti sobre asuntos como a débeda histórica que, por definición, só afectan a dúas partes, a Galiza e ao Estado”.

A xuízo do coordenador executivo, a Débeda Histórica, cifrada polo BNG en 21.000 millóns de euros, é un asunto que non atopa no Consello de Política Fiscal e Financeira o foro natural para a súa resolución. “A Débeda Histórica galega afecta a Galiza e ao Estado e son o Estado e Galiza os que deben pórse de acordo nos termos e nos prazos en que debe ser satisfeita”, afirma.


Voltar a novas

Ver anteriores