Publicidade
Contacto
|
*A Fundación Antonio Fraguas inaugura dúas exposicións no Museo do Pobo Galego
Redacción 16 de novembro de 2006 As dúas mostras están organizadas polos centros escolares que gañaron a 3º edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. Co propósito de rememorar a figura de D. Antonio Fraguas Fraguas, na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo, a Fundación que leva o seu nome creou o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, encamiñado a promover a pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do entorno inmediato entre os centros escolares de Galicia. O premio está patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, por Caixanova e, dende este ano pola Consellería de Cultura e ten unha cuantía de 10.000 euros para cada modalidade.
Este ano. preséntanse as exposición dos proxectos realizados polos centros seleccionados na 3º edición do premio, o CEP “A Cruz ” de Camos na modalidade de ensino primario e o Proxecto Intercentros do IES Pedra da Auga de Ponteareas eo IES Pazo da Mercé de As Neves.
A inauguración da exposición, presidida polo Director Xeral de Patrimonio e polo Presidente da Fundación Antonio Fraguas, terá lugar mañá venres, 17 de novembro, ás 13,30 horas, no Museo do Pobo Galego.
Neste acto tamén se fará entrega dos premios aos seleccionados na 4º edición que se resolveu en xuño pasado e na que resultaron seleccionados o CEP “Xosé María Brea Segade” de Tragoña e o IES de Pontecaldelas.
O Patrimonio das Pesqueiras do Miño. Proxecto Intercentros realizado polos Institutos Pedra da Auga de Pontareas e Pazo da Mercé de As Neves parte da preocupación na comarca do Condado pola espada de damocles que pende sobre o patrimonio natural, material e inmaterial asociado ao río Miño e a súas pesqueiras que corren perigo de desaparecer pola construcción de encoros. A exposición mostra este patrimonio e o traballo levado a cabo polas asociacións de defensa, a poboación e personaxes como Eliseo Alonso, Manuel X. Xiráldez ou Ignacio Gago.
A toponimia do Val Miñor do CEP “A Cruz” de Camos, móstranos o traballo que, coordinado dende este centro escolar, realizou toda a comunidade escolar para recuperar a toponomia da zona. A recollida dos alumnos e a participación dos veciños alumbran un traballo de investigación exhaustivo e á vez, dun enorme valor pedagóxico e de concienciación social.
As exposicións estarán abertas no Andar do Claustro do Museo do Pobo Galego dende mañá.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
Publicidade:
|