ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Luís Tosar recebeu onte en Compostela o Premio Cineuropa


Redacción 16 de novembro 2005 O concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, comentou no momento en que se decidiu outorgarlle o Premio Cineuropa 2005 a Luís Tosar que éste representaba "unha xeración de actores galegos implicados coa cultura e coa defensa dun cinema galego". E certamente, o actor levou a cabo sempre unha traxectoria persoal comprometida coa cultura e coa sociedade formando parte, por exemplo, dos colectivos Burla Negra e Nunca Máis.

No momento no que o coñecido xuíz de Mareas vivas (serie da Televisión de Galicia) recibe este premio a súa 'internacinalización' é maior do que fora nunca, xa que se atopa no medio da rodaxe de cadanseu filme de Clive Gordon e Michel Man, Cargo e Miami vice, respectivamente. Pero a presenza de Tosar para esta homenaxe xa está confirmada nun acto no que ademais da presenza do actor o público poderá gozar a estrea da longametraxe galego-alemá Un día en Europa: Galatasarai-Dépor, de Hannes Stöhr e que non chegará aos cines comerciais ata febreiro de 2006.

Luís Tosar
Naceu en Lugo en 1971 e durante os seus estudos de bacharelato comezou a intesarse pola interpretación da man dun profesor de literatura. Pouco a pouco foise introducindo no mundo do cine, en especial das curtametraxes, da man do seu veciño e amigo Jorge Coira, con quen rodou curtas como Contos de Alentraia: Tornabón, As xoias da señora Bianconero ou O matachín.

Pero Tosar non comezou a súa experimentación interpretativa cinguíndose só ao cinema, tamén formou parte como vocalista nun grupo de rock que se deu en chamar Los Huana e constituíu xunto a César Martínez Goldi o dúo de teatro, musical e cómico The Magical Brothers.

En 1998 chegoulle o momento do éxito mediatico da man da serie Mareas vivas, dirixida por Antón Reixa e onde encarnaba ao xuíz da vila de Portozás. O éxito da serie abriulle as portas do cine español e en 1990 recibía a súa primeira nominación aos Premios goya como Actor Revelación pola longametraxe Flores doutro mundo, de Icíar Bollaín.

Dende entón tomou parte en máis de corenta películas, entre curtas e longametraxes, e entre elas destacaron: Os luns ao sol de Fernando León de Aranoa e coa que gañou o Goya ao Mellor Actor Secundario; O lapis do carpinteiro de Antón Reixa; Douche os meus ollos de novo con Icíar Bollaín e co que gañou o Goya ao Mellor Actor Protagonista e a Concha de Prata ao Mellor Actor no Festival de Donosti; Inconscientes con Joaquín Oristrell, Ciumes de Vicente Aranda; Leo de José Luis Borau; Trece badaladas de Xavier Villaverde; ou A fraqueza do bolchevique de Manuel Martín Cuenca.

A estrea, Galatasarai-Dépor
Un filme rodado en catro cidades distintas (Moscova, Istambul, Compostela e Berlín), no que se empregan oito idiomas diferentes nun exercio de comunicación transcultural no que se empregan como excusa unha serie de roubos e a final da Liga de Campións entre o Galatasarai de Istambul e o Deportivo da Coruña.

Un película que supón a segunda creación de Hannes Störh (logo de ben acollida Berlin is in Germany) e da que forman parte, entre o reparto galego actores tan coñecidos, ademais de Luís Tosar, como César Martínez Goldi, Miguel de Lira ou Mónica García.

Os outros Premios Cineuropa
Os Premios Cineuropa inauguráronse ás portas do século XXI, en 2000, cun triple galardón do que se fixo entrega ao director José Luis Borau, á actriz e presidenta da Academia de Cine Marisa Paredes e ao distribuidor e produtor vigués Emilio Baños.

En 2001 o Premio Cineuropa volveu recaer nas mans dun actor, desta volta foi o madrileño Juan Echanove, popular por series de Televisión como Irmáns de leite, por películas tan recoñecidas como a popular Madregilda e cunha ampla traxectoria teatral.

De 2002 a 2004 os galardoados con este premio foron: de novo un actor, o arxentino Federico Luppi; o director Bigas Luna en 2003 e o veterano creador portugués Manoel de Oliveira en 2004.

Publicado en Compostela Cultura.


Voltar a novas

Ver anteriores