|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*O Consello Nacional do BNG aproba por ampla maioría os documentos preparatorios da XII Asemblea Nacional, que se celebrará os días 2 e 3 de decembro
Redacción 16 de setembro de 2006 A proposta de temario recebe o apoio unánime do máximo órgao do BNG entre asembleas. Finalmente, o Consello Nacional resolveu que a próxima Asemblea Nacional sexa de participación aberta a toda a militancia e non mediante sistema de delegados tal e como propuña a Executiva Nacional.
O Consello Nacional aprobou esta mañá por ampla maioría os documentos preparatorios –proposta de calendario e regulamento e proposta de temario- da XII Asemblea Nacional da formación nacionalista, que se celebrará os días 2 e 3 de Decembro.
A proposta de temario foi aprobada por unanimidade polo máximo órgao do BNG entre asembleas. A XII Asemblea Nacional centrará así os seus debates na consideración de que o nacionalismo galego é o motor do Goberno de Galiza e do proceso que debe conducir o noso país a se dotar dun Estatuto de Nación que o equipare a todos os efeitos coas outras nacións do Estado, Euskadi e Catalunya. A preparación das eleccións municipais de Maio de 2007 será tamén obxecto de tratamento por parte da militancia do BNG nesta Asemblea, desde a convición de que eses comicios se traducirán na estensión aos concellos do cambio galego que o nacionalistmo protagoniza desde o Goberno de Galiza.
A proposta de calendario e regulamento recebeu un apoio amplamente maioritario no seo do Consello Nacional. Finalmente, o Consello Nacional resolveu que a próxima Asemblea Nacional sexa de participación aberta a toda a militancia e non mediante sistema de delegados tal e como propuña a Executiva Nacional.
Do debate tirouse a conclusión de que a práctica totalidade de membros do Consello Nacional consideran tan democrático, asembleario e plural o sistema de delegados como o sistema de participación directa. Si finalmente o Consello Nacional se inclina por este último para a celebración da XII Asemblea Nacional é por un criterio de oportunidade. A maioría do Consello Nacional considera que este non é o momento de celebrar unha Asemblea Nacional por delegados porque unha decisión dese tipo debe ser adoptada logo dun debate moi participativo no que poda tomar parte o conxunto da
militancia do BNG. En definitiva, o Consello Nacional estima que debe ser a propria Asemblea Nacional, máximo órgao do BNG, quen se pronuncie a este respeito.
O Consello Nacional ten a convición de que a XII Asemblea Nacional do BNG vai significar un novo impulso para o nacionalismo galego como unha forza política imprescindíbel para Galiza, por ser a única que expresa con firmeza que somos unha nación e que como tal queremos ser tratados no conxunto do Estado.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|