|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|

*Cultura pon en marcha unha web que inclúe información sobre todos os homenaxeados no Día das Letras Galegas
Redacción 16 de maio de 2006 A Consellería de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha unha web –www.17demaio.org- que inclúe abondosa información sobre o Día das Letras deste ano e de todas as edicións anteriores desde a instauración desta festa en 1963. A páxina servirá como fonte de recursos para cantos estean interesados tanto na vida e obra de Manuel Lugrís como en calquera dato relacionado con esta celebración da cultura galega.
Neste novo sitio web concéntrase información exhaustiva sobre a significación desta data e de todos e cada un dos autores e autoras aos que se lles dedicou. Estes datos inclúen documentación sobre a súa contribución á lingua e á cultura galegas, as súas biografías e ligazóns relacionadas para poder completar os seus perfís. Por outra banda, esta páxina converterase nun punto de referencia sobre o Día das Letras xa que permanecerá activa máis aló da edición do 2006, ofrecendo información para os vindeiros anos.
Especial sobre Lugrís Freire
www.17demaio.org inclúe un especial sobre Lugrís Freire, homenaxeado na edición deste ano. A web fai un percorrido polos poemarios, as pezas teatrais, a narrativa e as colaboracións de Lugrís; así como o seu labor en defensa da lingua nos medios de comunicación e nas institucións e o seu papel a prol do Estatuto de Autonomía.
Ademais da súa biografía, tamén se explica cómo era a Galicia na que viviu Lugrís, un país marcado pola emigración, o xermolar asociativo, o segundo rexurdimento cultural e a procura do autogoberno. Finalmente, a web recolle a difusión da súa figura e da súa obra a través do formato papel e navegando pola rede.
Por outra banda, na web tamén se poden consultar os diferentes actos cos que se celebrará este 17 de maio o Día das Letras Galegas.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|