|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Máis
de dez grupos de teatro afeccionado pasarán por
Teatrofilia, a mostra do concello de Vedra
Redacción
16 de marzo 2006
O concello coruñés de Vedra
converterase a partir de mañá, 17 de marzo e
durante todo un mes na capital galega
do teatro afeccionado da man de Teatrofilia, a mostra de teatro
amador que se celebra por terceiro ano e abalado polo éxito
das edicións precedentes.
Será
A sesión de Gaspar, da Escola Municipal de Teatro
Marisa Soto de Silleda, a que inaugure ás 21:15 este
festival que se celebrará todos os venres, sábados e
domingos ata o 8 de abril.
Dentro
dos once días nos que se desenvolverá a mostra,
tamén terá un oco o teatro profesional. Así,
a compañía Talía Teatro presentará
a súa obra Bicos con lingua, galardoada co premio
María Casares ao Mellor Texto Orixinal, así como ao
Mellor Actor Protagonista a Artur Trillo. Nesta peza, dirixida por
Avelino González e interpretada por Trillo e Toño
Casais, faise unha ácida, intelixente e moi divertida
reflexión sobre a situación sociolingüística
en Galiza.
Esta mostra, organizada pola Asociación
Cultural Papaventos, traerá ao escenario da Casa da
Terceira Idade de Vedra cada venres, sábado e domingo e ata
o 8 de abril, unha representación de diferentes grupos
afeccionados de toda a comunidade galega. Cunha media de
douscentos espectadores por sesión, a organización
agarda repetir o éxito das edicións anteriores.
O
grupo de maior relevanza dentro da escena afeccionada como Ditea,
a compañía de amateurs máis antiga de
toda a comunidade autónoma, con máis de 45 anos de
experienza, pasará polo auditorio vedrés o 26 de
marzo con Melocotón en Xarope, unha adaptación
da coñecida obra de Miguel Mihura.
Os aspectos máis
innovadores desta edición de Teatrofilia maniféstanse
a través da introdución das novas tecnoloxías
nalgunhas das producións que conforman o programa. É
o caso da obra Caricias, que se representará o 31 de
marzo, do grupo municipal de Ames, que combinan o máis
puro teatro cunha montaxe audiovisual. O director novel Abelardo
Rendo proxectará o 8 de abril a súa curtametraxe Non
vou..., que tamén fusionará con teatro e música
en directo.
O grupo de teatro anfitrión,
Andaravía, pertencente á Asociación
Cultural Papaventos, tamén terá espazo na
programación de Teatrofilia. Será este sábado
18, coa súa obra Bicos, que tras un ano con moi boa
acollida nas máis de vinte representacións que
realizaron, agarda unha boa acollida como “equipo local”.
E que mellor teloneiros que o grupo municipal infantil, Abeloura
Teatro. Xusto antes de Andaravía, as futuras
promesas do concello de Vedra representarán A picadura
da galiña.
Papaventos, que organiza esta
mostra en colaboración co Concello de Vedra e a
Asociación Cultural Ullán, pretende reforzar
a presenza do teatro afeccionado dentro do ámbito cultural
galego, que conta en moitas ocasións con poucos foros nos
que manifestarse. Así, a intención é que
Teatrofilia sexa un referente dentro do panorama teatral
afeccionado da comunidade, e ao mesmo tempo ofrecer unha
alternativa de ocio para os veciños e veciñas da
comarca.
Esta asociación ven
dende o ano 1988 tratando de promover o feito teatral no seu
concello. Papaventos é a impulsora do nacemento de
Teatrofilia no 2004, unha mostra que tivo unha
excelente acollida nas súas dúas anteriores
edicións, e que se convirte deste xeito nun dos máis
importantes eventos culturais do concello, achegando dende toda
Galiza esta arte a todos os veciños e veciños.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|