ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Nace Snobismo a nova publicación profesional de moda feita dende e para Galiza e en galego

Redacción 16 de marzo 2006 Snobismo nace da ausencia actual dunha revista profesional de moda en Galiza, a zona máis influínte, en canto a produción téxtil, do territorio español. Estes factores e outros máis fixéron ver, aos seus creadores, que faltaba unha publicación na rúa que informase, sobre todo á xente nova, de todo o que se coce no variado mundo dos trapos, tanto na de aquí coma na doutros países. Entrevistas, reportaxes a pé de rúa, tendencias de moda no téxtil e noutros sectores da moda, como perruquería, complementos, calzados, óptica, etc.
Información de postos de traballo en todo o mundo para os mozos e mozas que comezan e onde estudar as materias para ser un profesional na industria e no comercio da moda, estarán no punto de mira de Snobismo.

Os obxectivos de Snobismo serán, por enriba de todo, a imparcialidade, a liberdade de expresión, a pluralidade e, por suposto, o entretemento e a visualidade dunha información global do inquedo mundo da moda, dende unha perspectiva contemporánea e real.


POR QUE EN GALEGO?

A Dirección Editorial de Snobismo considera que a lingua galega é o xeito máis actual de chegar a un público novo, un público que fala o noso idioma coa naturalidade esquecida noutras épocas.

Unha lingua, por outra parte, que non se utiliza actualmente nas revistas que chegan de balde a un público xeneralista. Divulgando desde Snobismo o “feito en Galiza”, sen esquecer que o que se fai aquí pode servir como exemplo de calidade en calquera parte do mundo.

ONDE É CANDO SE DISTRIBUIÁ?

Serán 20.000 exemplares distribuidos mensalmente de balde polas cidades d'A Coruña; Lugo; Ourense; Pontevedra; Vigo; Santiago de Compostela; Ferrol e Oporto que se repartirán nas empresas do téxtil e doutros ámbitos, nos comercios do mundo da moda e en todos os sectores relacionados coa estética global (perruquería, calzado, complementos, xoiería, óptica, centros de estética, etc.).

Tamén nos mellores locais da noite de cada urbe, así como nos hoteis e restaurantes de recoñecido prestixio.

As salas de arte, os museos galegos e os centros culturais serán outros dos espazos onde se repartirán exemplares de Snobismo.

Non esquecerán, din os impulsores desta iniciativa, as facultades das universidades galegas e os centros de estudo e, por suposto, os organismos oficiais, a Xunta de Galiza, os concellos, as deputacións, as cámaras de comercio, as confederacións e as asociacións de novos empresarios de cada unha das provincias.

A publicaión terá un mínimo de 40 páxinas a cor en formato A4 e contará cos seguintes contidos:

EDITORIAL
Artigo de introdución coa liña editorial de cada número.

BREVES
As noticias máis destacadas na moda en Galiza e no resto do mundo.

AXENDA
Un percorrido actualizado polos acontecementos que teñan lugar ao longo do mes, feiras, pasarelas e todo o que teña que ver coa industria da moda.

PUNTO DE VENDA
Escaparate aberto aos comercios do sector que estean interesados en lles ensinar aos lectores cales son as súas tendencias. Complementarase con imaxes dos produtos e cunha pequena relación do comercio do que falamos.

PERSONAXE COÑECIDO
Dedicado a saber como visten e que opinan da moda profesionais galegos da vida pública, social, cultural e da farándula.

PASARELAS GALEGAS
Reportaxes das pasarelas galegas, preferentemente dos novos deseñadores. Tamén estarán presentes as firmas de recoñecido prestixio.

TENDENCIAS
Páxinas que abranguerán as últimas tendencias de moda en todos os ramos da estética global. Moda, calzado, perruquería, complementos, accesorios e propostas variadas sobre o que máis se leve neses momentos.
A fotografía será a gran protagonista da sección.

NOVA VISIÓN
Os novos deseñadores galegos e as súas propostas.
Fiestra aberta para os creadores galegos que tratan de facerse un oco na industria da moda.

OS CONSAGRADOS
As firmas galegas de recoñecido prestixio internacional terán un espazo especial en Snobismo.

BUSCATENDENCIAS
Visión e reflexo do que visten nas cidades galegas os auténticos protagonistas da moda, a xente da rúa. Imaxes captadas polos nosos fotógrafos.

ONDE APRENDER
Seguimento das escolas e dos estudos máis punteiros do sector téxtil, tanto en Galiza coma no resto do mundo.

TRABALLANDO NA MODA
Propostas de traballo para que os profesionais máis novos estean ao tanto, despois de realizar os seus estudos, do que é a engrenaxe da moda —produción, creatividade, comercio, mercadotecnia, etc.—.

REPORTAXES SOCIAIS
Unha visión fotográfica de como se viste nos actos sociais, tanto no día coma na noite, por toda a xeografía galega.

COLABORACIÓNS
Profesionais de diversos ámbitos, como a perruquería ea estética darannos as súas propostas e opinións.

O CÓMIC
O sentir e o vestir da nova sociedade galega actual, en formato de tiras de cómic.

IRONICAMENTE DE MODA
A moda posta ao servizo dunha crítica irónica e divertida por parte dun colaborador distinto cada mes.

Voltar a novas

Ver anteriores