ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Anxo Quintana anuncia o “seguemento puntual” das obras do AVE Ourense-Lubián para fiscalizar o cumprimento dos compromisos e dos prazos “en tempo e forma”


Redacción 16 de marzo 2006 O portavoz nacional do BNG considera que o interior de Galiza conta con numerosas potencialidades e informa das medidas que tomará o goberno para poñer en valor a zona. Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG, afirmou que a provincia de Ourense “debe aproveitar a súa posición xeográfica tanto en materia de rede vial como en alta velocidade ferroviaria, na conexión coa meseta”.

Reclamou, en consecuencia, que non se demorase desde o ministerio de Fomento a construción do tramo Ourense-Lubián de Alta Velocidade e comprometeuse a facer un seguemento puntual das obras para fiscalizar o cumprimento dos compromisos e dos prazos “en tempo e forma”.

O portavoz nacional do BNG expresouse nestes termos durante a intervención de clausura das VIII Xornadas Municipais do BNG ourensán, nas que tamén tomaron parte con Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Alexandre Sánchez Vidal, portavoz nacionalista no concello. Apostou por “darlle vida ao corazón da cidade, implicando a todos os sectores sociais, económicos, políticos, culturais e administracións públicas, mediante un proceso baseado nunha intervención planificada sobre o territorio, áxil, dentro do marco de protección é respecto ao núcleo histórico”.

Quintana considera que as provincias do interior de Galiza “contan cunha longa lista de potencialidades: debidamente encauzadas poden converterse no punto de partida que garantirá o seu futuro e lles permitirá acadar mellores estándares socioeconómicos”. O líder nacionalista resaltara previamente a situación actual -“menor nivel de infraestruturas, unha poboación envellecida, unha menor actividade industrial e comercial e un sector primario en retroceso”- e propuxo en consecuencia accións para trocar o “eixe do despoboamento e do abandono polo da imaxinación e o compromiso”.

Políticas para crear valor

Anxo Quintana explicou logo as chaves das políticas que realizará o BNG para poñer en valor o interior de Galiza desde a súa participación no goberno galego. Deste xeito, anunciou un programa de dinamización, valorización e fixación de poboación no medio rural, así como o aproveitamento dos recursos termais.

O dirixente nacionalista tamén falou da rehabilitación e recuperación dos cascos históricos e do patrimonio do rural. No tocante á política social, puxo un especial énfase na necesidade de cambiar “o actual modelo de tipo asistencial, caracterizado por unha protección fragmentaria e insuficiente, e avanzar cara un sistema universal, flexíbel e equitativo que garanta unha protección adecuada para todos aqueles colectivos máis desfavorecidos”. En concreto citou a ampliación do número de residencias para a terceira idade e a construción de novos centros de educación infantil para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.

Voltar a novas

Ver anteriores