ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A TVG impide que saia en galego o DVD da mítica serie A víbora negra


Redacción 16 de febreiro 2006 O próximo 5 de abril sairá ao mercado o DVD da serie A víbora negra, con opción lingüística de castelán, catalán, basco e inglés. O galego non estará entre as opcións –a pesar de que a serie colleitou un importante éxito na súa emisión nesta lingua– debido a que a TVG se negou a ceder a dobraxe por considerala de escasa calidade lingüística, ao ser unha versión realizada nos anos 80.A TVG, que recibe 3 millóns de euros cada ano da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tampouco ofreceu ningunha alternativa a Cameo, a distribuidora que realizou as xestións para poder incluír a lingua galega entre o seu menú de escolla idiomática.

A Mesa pola Normalización Lingüística non comparte a resposta da TVG nin os argumentos esgrimidos. Se é necesario facer novas dobraxes, a cadea pública debe encargarse de facelas, mais non pode ficar de brazos cruzados e impedir que haxa opción en galego cando unha distribuidora estea disposta a incluír este idioma. Cameo confirmou tamén á Mesa pola Normalización a súa disposición a colocar no DVD un rótulo indicando que a dobraxe non se correspondía co estándar actual do galego, ou calquera outro matiz que a TVG considerase necesario aclarar.

A anterior dirección da televisión pública galega tamén se negou a ceder a esta distribuidora a versión en galego da serie Os novos, mais nese caso as razóns non foron de calidade lingüística, senón que pretendía cobrar unha cantidade económica que Cameo non estaba disposta a pagar, mentres a TV3 e a ETB cederon gratuitamente as súas traducións polo beneficio que supuña para o catalán e para o basco.

A Mesa reclámalle á TVG que tente xestionar a reedición con versión galega destas dúas series, opción á que Cameo se mostra receptiva e que debería ser estudada por ambas as partes. Ademais, a TVG debe pórse xa mans á obra para que a tamén mítica sitcom Alló, alló!, que se porá a venda a finais deste ano en DVD, si teña opción na nosa lingua.

A Mesa agarda que a TVG se converta nun “motor do galego” e pídelle que “reflexione”

A Mesa púxose en contacto hoxe coa dirección da TVG para lle pedir que tamén reflexione sobre se é necesario recorrer maioritariamente ao castelán para facer sketchs humorísticos. Esta solicitude prodúcese pola presenza nos últimos meses na grella da Galega de espazos cómicos que consisten en parodias doutros programas de televisión de ámbito estatal. Sorprende negativamente que, coa situación precaria do galego nos medios de comunicación, a TVG coloque en prime time espazos que non están nesta lingua.


Voltar a novas

Ver anteriores