|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Apreséntase
Tribuna Galeuscat e Jorquera di que 'o avanzo do nacionalismo
sempre trouxo a ampliación das liberdades
civís'
Redacción
16 de
febreiro 2006
O
coordenador executivo do BNG avanza que o traballo da Asociación
Tribuna Galeuscat vaise centrar en “suscitar un diálogo
coa sociedade española sobre a realidade plurinacional do
Estado”.
O coordenador executivo do BNG, Francisco
Jorquera, participou este mediodía no Círculo de
Belas Artes de Madrid na apresentación en rolda de imprensa
da Asociación Tribuna Galeuscat, un foro de diálogo
e pensamento que pretende impulsar una nova cultura política
na sociedade española, cimentada no recoñecimento da
realidade plurinacional do Estado.
Ademais
de Francisco Jorquera, que desempeñará as funcións
de secretario da asociación, tamén tomaron parte na
apresentación Juan María Atutxa, en calidade de
presidente, e Antoni Rives, como director da asociación.
Na
súa intervención, Francisco Jorquera subliñou
o papel dos nacionalismos “como motor de cambios positivos e
da democratización do Estado Español”.
Neste
sentido,lembrou que “a historia do Estado Español
demóstranos que todos os avanzos que se produciron nos
procesos de democratización do Estado Español e nos
procesos de melloras e de conquistas sociais estiveron acompañados
de avanzos no recoñecimento do carácter
plurinacional do Estado e de avanzos no autogoberno de Galiza,
Catalunya e Euskadi”.
Diálogo e rematar
cos prexuízos
Deste xeito, o coordenador
executivo do BNG explicou que o obxectivo da asociación
Tribuna Galeuscat “é poñer en valor o Estado
Plurinacional como alternativa ao modelo de Estado imperante”
e ofrecer unhas propostas “que non só son válidas
para as nosas respectivas nacións, senón para o
conxunto do Estado Español”.
A este respecto,
Francisco Jorquera subliñou a necesidade de promover o
diálogo co conxunto da sociedade española “para
rematar cunha serie de prexuízos instalados cara o
nacionalismo que moitas veces están inculcados polos que
defenden unha visión dogmática de España e
tamén por descoñecimento, xa que até agora
non nos preocupamos de proxectar as nosas propostas fóra
dos nosos países”.
“Queremos que a
asociación Tribuna Galeuscat sexa un espazo de diálogo.
Vimos predispostos a escoitar pero tamén necesitamos ser
escoitados”, destacou o coordenador executivo do
BNG.
Reforma estatutaria
Por outra parte, na
rolda de preguntas dos xornalistas, Francisco Jorquera asegurou
que os procesos de reforma estatutaria en Galiza, Catalunya e
Euskadi “teñen que responder ás arelas e á
realidade nacional de cada país, aínda que as forzas
políticas que integramos Galeuscat compartamos unha visión
común sobre o modelo de Estado”.
Por último,
o representante do BNG negou que o actual goberno de José
Luís Rodríguez Zapatero sexa máis proclive a
satifacer as demandas de Galeuscat. “É certo que
aportou unha postura de diálogo que se agradece, pero a
visión do Estado do PSOE é a dun Estado unitario que
non partillamos”, sinalou Jorquera, polo que “máis
que unha cuestión conxuntural de presidente, temos que
achar unha solución estructural para configuar un Estado
Plurinacional no que fiquen blindadas as nosas competencias e o
noso carácter nacional”.
Para esta tarde, ás
19.30 horas, terá lugar o acto de apresentación da
Tribuna Galeuscat tamén no Círculo de Belas Artes no
que está prevista a presenza de Anxo Quintana, Artur Mas e
Josu Jon Imaz. Neste acto intervirán tamén Juan
María Atutxa e Antoni Vives, así como Encarna Otero,
Vicepresidenta da Tribuna, e Martín Patiño,
presidente da Fundación Encuentro.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|