GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*A MESA pídelle ao Valedor do Pobo que interceda para que se cumpra en Galiza a Carta Europea das Linguas

Chuza! esta nova!
Redacción 15 de novembro de 2006 “A Xunta debe exercer as competencias que ten en ensino e en xustiza para garantir o cumprimento deste tratado internacional”. O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, cursou unha solicitude de entrevista co Valedor do Pobo, José Ramón Vázquez Sandes, para pedirlle que vele polo cumprimento da Carta Europea das Linguas dentro da Administración galega, no referido ao ensino e ás competencias autonómicas en xustiza.

A Carta Europea das Linguas foi ratificada por unanimidade polo Congreso no ano 2001 e, de acordo co artigo 96 da Constitución española, este tratado internacional forma parte do ordenamento xurídico do Estado, polo que resulta de obrigado cumprimento, “mais en Galiza continúa sen aplicarse”, segundo denuncia A Mesa.

O Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou un informe o ano pasado no cal mostraba unha serie de recomendacións para mellorar o recoñecemento dos dereitos lingüísticos en Galiza. No relativo á educación, animou as “autoridades competentes” (a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza) a “desenvolver modelos educativos esencialmente en galego no preescolar, no ensino primario e no ensino secundario, en conformidade cos compromisos específicos aos que se chegou nesas áreas”.

Tras a folga estudantil do pasado 8 de novembro, coñeceuse que a Consellaría de Educación está a traballar nun novo proxecto de decreto para a galeguización do ensino. A Mesa solicita ao Valedor do Pobo que, dentro das súas competencias, promova que esa modificación legal vaia no camiño do consensuado na Carta Europea das Linguas.

Ademais, A Mesa lembra que a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza continúa a obstaculizar o uso do galego nos procedementos xudiciais, incumprindo tamén os compromisos adquiridos neste senso e recordados en 2005 polo Consello de Europa. A organización en defensa da lingua lembra que “hai cuestións básicas que urxe atender, como que os programas básicos de xestión na Xustiza, pagos pola Xunta, estean en galego, ao igual que os formularios de uso cotián por parte dos cidadáns e das cidadás”.

Xunto coa solicitude de entrevista, A Mesa achegoulle ao Valedor un amplo dossier sobre o proceso de aprobación da Carta Europea das Linguas por parte do Estado español e o informe que aprobou o Comité de Ministros do Consello de Europa en setembro de 2005 analizando a súa inaplicación en Galiza.

Voltar a novas

Ver anteriores


Publicidade: