|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*“Segundo o concepto que se teña do que son realmente os Dereitos Humanos, e segundo as accións reais respecto diso, poden convertelos en palabrería e instrumento de manipulación política”
Redacción 15 de setembro de 2006 Miguel Alfonso Martínez, profesor emérito do Instituto de Relacións Internacionais do Ministerio de Relacións Exteriores de Cuba, falou onte no Club Interncional de Prensa de Galiza antes de regresar á Habana.
Presentado pola Cónsul Xeral de Cuba no Noroeste peninsular, María Sánchez, o portavoz de Cuba na Comisión de Dereitos Humanos de Xenebra, falou na súa Conferencia ofrecida no Club Internacional de Prensa de Galiza, dos enfoques, conceptos “e ideas sobre as accións concretas en materia de Dereitos Humanos, sen as cales, a promoción, materialización efectiva e protección dos dereitos humanos convértense ou ben en mera palabrería oca, ou en instrumento de manipulación política”, afirmou.
“Eses enfoques, conceptos e ideas prácticas con que se aborda esta temática e que presiden o accionar das autoridades cubanas -dixo-, coñécense pouco tanto no medio académico como no que fai á opinión pública en xeral, como resultado en canto a esta última, dunha cobertura mediática interesada en proxectar unha imaxe negativa do que denomina “o réxime cubano” ou, no “mellor” dos casos, baseada nunha pasmosa ignorancia supina respecto da realidade cubana”, continuou dicindo este experto titular na Promoción e Protección dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas en representación da República de Cuba, Miguel Alfonso Martínez.
Dixo tamén que “se dá igual valor a todos os dereitos humanos, sexan estes de natureza civil e política (as liberdades tradicionais de reunión, asociación e expresión), como aos de carácter económico, social e cultural, tal e como Nacións Unidas declarou unha e outra vez, “e ao revés do que fai a cobertura mediática e as principais ONGs especializadas na materia, como Amnistía Internacional, a Federación Internacional de Asociacións de Dereitos Humanos, Reporteros sen Fronteiras e tamén sen vergonzas -dixo-, e outras”.
Continuou a súa disertación afirmando que “considérase a todos os dereitos como interdependentes uns doutros (dereito á vida asociado ao dereito á saúde e a alimentación, por exemplo), e de igual valor, ao revés, dos demo-liberais que só se preocupan dos civís e políticos en detrimento dos sociais, económicos e culturais: dereito ao traballo, a un nivel de vida digno, en xeral, á educación, á seguridade social... etc”.
“De que se fala -insistiu contundente- cando se fala de dereitos humanos? Como é posíbel que os cubanos digan que é só logo da chegada ao poder da Revolución en 1959, as palabras “dereitos humanos” teñen por vez primeira un valor real e un contido práctico visible, e á vez, EE.UU. e a Unión Europea cualifiquen ano tras ano a Cuba na ONU, como “violadora” deses mesmos dereitos??
A explicar o interese dos EEUU e dos seus aliados, dedicou tamén tempo o profesor Miguel Alfonso ao final da súa Conferencia, na que se referiu tamén “ao interese de Washington en buscar, mediante esa condena sen base, unha “escusa” que xustifique o seu bloqueo económico, financeiro e comercial “co que intentan poñer de xeonllos ao pobo cubano e ao seu Goberno, esforzo estéril durante case 5 décadas; en tanto que a Unión Europea contou até agora cos votos anticubanos que require EEUU para aprobar a súa iniciativa entúbana en Xenebra, e con iso, emparella” calquera discrepancia que poida ter co réxime estadounidense en calquera outra materia nos traballos da ONU, por exemplo, na Organización Mundial de Comercio”.
Así, puxo fin á súa intervención o Profesor Emérito do Instituto de Relacións Internacionais do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Miguel Alfonso, dándose paso a continuación a un animado e vivo coloquio por parte dos asistentes.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|