|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*ADEGA expresa o seu apoio e solidariedade co veterinario que denunciou o maltrato dun can en Aguiño
Redacción 15 de setembro de 2006 "Cómpre unha modificación legal que inclúa a inhabilitación dos maltratadores para posuír animais".
As arrepiantes imaxes da malleira a un can en Aguiño tomadas por un veterinario da vila resultan aínda máis ferintes ao comprobar o trato que o denunciante recibíu por parte dos seus veciños. Insultos e apupos foi o pago que mereceu Federico Real pola súa sensibilidade cos animais e o seu compromiso cívico ao denunciar o maltrato do can.
ADEGA quere expresar o seu apoio e a súa solidariedade para co veterinario Sr. Real, así como animar á cidadanía a seguir o seu exemplo e denunciar casos similares de maltrato animal. Neste senso, ADEGA xunto coa Asociación pola Protección Animal “Abeiro” manifesta a intención de denunciar diante da Fiscalía de Medio Ambiente todos os casos que cheguen ao seu coñecemento, sen descartar persoarse como acusación particular naqueles nos que o/a denunciante prefira permanecer no anonimato por medo a represalias.
ADEGA solicita dos poderes públicos unha maior sensibilidade e respeito polos dereitos dos animais non humanos, así como unha maior dureza no castigo dos casos de maltrato. No actual Código Penal existe un novo apartado denominado «Dos delictos relativos á protección da flora, fauna e animais domésticos» no que se tipifica o maltrato de animais domésticos como delicto cando a conduta sexa grave. Incurrir nesta conduta delictiva castígase con penas de prisión de tres meses a un ano e inhabilitación especial 1 a 3 anos para o exercicio de profesión, oficio o comercio relacionado cos animais. Os casos máis leves considéranse faltas e castíganse con multa de 20 a 60 días ou traballos de 20 a 30 días en beneficio da comunidade.
A este respeito, ADEGA propón que ao necesario endurecemento das penas se engada a inhabilitación dos maltratadores para posuir animais, máis aló da prohibición de negociar ou comerciar con eles, para que deste xeito o animal magoado non teña que convivir co seu maltratador.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|