|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*ADEGA
apresenta o Informe: “12
indicadores ambientais. Galiza insustentábel”.
Redacción,
15 de setembro 2005
A
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
(ADEGA)
presentou o pasado día 13 o informe “12
indicadores ambientais. Galiza insustentábel”.
Con este informe ADEGA pretende chamar a atención sobre o
preocupante estado ambiental da nosa terra e o carácter
ecoloxicamente insustentábel do noso modelo de
desenvolvemento.
Asemade,
quere pór de manifesto a necesidade de crear un
Observatorio Galego da Sustentabilidade que elabore e actualice
periodicamente un sistema completo de indicadores, unha ferramenta
imprescindíbel para a toma de decisións políticas
e a participación social, no marco dunha Estratexia Galega
de Desenvolvemento Sustentábel.
Os
12 indicadores seleccionados por ADEGA, baseados en datos
oficiais, debuxan un panorama ben negativo en termos de protección
ambiental e de desenvolvemento sustentábel. Sinalan
tendencias contrarias á sustentabilidade, como o forte
crecemento das emisións de gases que causan o cambio
climático, da xeración de lixo ou do consumo de
enerxía. Algúns son de carácter sintético,
como a pegada ecolóxica, máis elevada do que cabería
agardar por causa das cuantiosas emisións de dióxido
de carbono das centrais térmicas de carbón das
Pontes e de Meirama. Outros revelan o atraso de Galiza en materia
de protección ambiental en comparación con outros
países ou a gravidade de problemas como os incendios
forestais ou a perda de biodiversidade.
Malia o número
de indicadores seleccionados ser insuficiente, pódese
concluír que o modelo de desenvolvemento de Galiza é
ecoloxicamente insustentábel. Estamos a dilapidar capital
natural e a estragar o territorio, usamos de forma ineficiente e
en exceso os recursos naturais e cada vez xeramos máis
residuos e máis contaminación.
ADEGA demanda
da Xunta o impulso, coa máxima participación
social, dunha auténtica Estratexia Galega de
Desenvolvemento Sustentábel ou Axenda 21 Galega que
involucre a todas as Administracións públicas e a
toda a sociedade civil. Esta estratexia debe definir un sistema
completo de indicadores para avaliar os avanzos e recuos en
materia de sustentabilidade. Isto facilitará que a opinión
pública poida entender facilmente cal é o estado
real do noso medio ambiente e a incidencia sobre el dos distintos
sectores económicos. É un elemento esencial para a
toma de decisións politicas e a participación
social.
A
nivel estatal xa existe un Observatorio, creado en febreiro
pasado. Algunhas cidades e comunidades
autónomas do Estado español xa posúen
sistemas de indicadores ambientais.
O informe pódese
baixar da web de ADEGA
(http://www.adegagaliza.org/varios/indicadores_ambientais_galiza.pdf)
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|