ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns



*A Mesa acusa a Consellaría de Educación de “deixar o galego á intemperie”

Redacción 15 de xuño de 2006
A Mesa reiteroulle onte á Consellaría que esta organización “continuará a defender o cumprimento do Plan de Normalización no ensino” fronte ao seu “pasotismo”.

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivo onte unha entrevista coa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María Xosé Pérez Mariño. No encontro, o representante da Mesa solicitou que se envíe unha circular a todos os centros de ensino para garantir que en todos eles se van impartir para o curso próximo os mínimos de docencia en galego que sinala o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.


A Directora Xeral mantivo que non se van modificar as previsións actuais da Consellaría e que o Plan Xeral de Normalización non se comezará a aplicar até o desenvolvemento da LOE. Segundo os plans do Ministerio, o desenvolvemento da LOE finalizará en 2010 (con quinto e sexto de primaria e segundo de Bacharelato), o cal significará que o Plan non se aplicará en toda a lexislatura.

“Con esta situación, na Mesa non temos máis remedio que continuar coa denuncia perante o Consello de Europa contra a Consellaría de Educación e a Presidencia da Xunta (de quen depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística), tal e como anunciamos o pasado luns”, lamenta o dirixente deste movemento cidadán.

A Mesa transmitiulle tamén á Consellaría que esta organización continuará a defender “o cumprimento do Plan de Normalización e dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español”.

Carlos Callón considera que “a situación actual do galego no ensino é de tal precariedade que desde A Mesa nos conformamos con solicitar un pequeno avance como é que para o curso próximo se garantan os seguintes mínimos: que unha de cada tres horas sexan en galego en ensino infantil e un 50% en primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos”. “Iso é o que di o Plan de Normalización. A Conselleira debería explicar por que se nega a uns mínimos tan elementais, que foron consensuados no seu día no Parlamento galego”.

Voltar a novas

Ver anteriores