|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|

*Máis dun cento de entidades e institucións apoian a manifestación do 17 de maio
109 entidades e institucións de diverso tipo enviaron xa o seu apoio á manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para o próximo 17 de maio, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago. Esta mobilización cidadá pretende conseguir un “salto adiante” para a lingua galega, aproveitando a oportunidade histórica da elaboración dun novo Estatuto, para que sexa “o Estatuto da normalidade para o galego” e “un Estatuto con tolerancia cero ás discriminacións lingüísticas”.
Os apoios para este evento aínda están abertos e serán presentados na súa totalidade no acto de feche da manifestación. A Mesa agarda que esta sexa unha “manifestación que faga historia” e realiza un chamamento a toda a cidadanía con sensibilidade pola lingua galega a que participen, pois “pode ser unha manifestación que evite moitas manifestacións”. Segundo o Presidente da Mesa, Carlos Callón, “facemos unha chamada á participación a todas as mulleres e homes que non queren que as persoas que usen o galego sexan discriminadas, a todas as mulleres e homes que non queren que o galego continúe nunha situación de inferioridade xurídica”. “Se participan, conseguirémolo”, conclúe.
Está prevista a saída de autobuses gratuítos desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol, As Pontes, Allariz, Boiro, Burela, Carnota, Foz, Noia, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Verín e Viveiro. A xente que estea interesada en facer uso deste medio de transporte pode anotarse no teléfono 981 56 38 85 ou no correo electrónico amesa@amesanl.org .
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|