Publicidade
Contacto
|
*O BNG mostra a súa disposición a consensuar o Plan Xeral de Lugo
co goberno de Orozco antes de que acabe o ano
Redacción 14 de decembro de 2006 O voceiro do BNG, Xosé Anxo Lage, fixa cinco aspectos que deben ser modificados do PXOM para
que o BNG apoie o documento. Serían a excesiva extensión da cidade, a xestión urbanística privada,
as infraestruturas, a urbanización masiva da zona rural e a insuficiente protección do patrimonio.
O Bloque pediu hai dous meses a reunión da Comisión Municipal de Planeamento para falar do
Plan Xeral e aínda non recibiu do Goberno local resposta á súa solicitude, explica o voceiro do BNG
.
O voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Lage, puxo hoxe data límite ao Goberno local para tentar un Plan Xeral por consenso. “Queremos dar traslado da disposición do Bloque Nacionalista Galego a chegar, antes de final de ano, a un Plan Xeral consensuado”, anunciou hoxe o voceiro do BNG. Lage afirmou que “non hai tempo que perder” porque a suspensión de licenzas caduca o 11 de febreiro de 2008 e “a situación a día de hoxe é moi delicada porque a falta de Plan Xeral está provocando unha parálise na cidade”.
Xosé Anxo Lage fixou cinco aspectos que deben ser modificados do Plan Xeral de Ordenación Municipal presentado a comezos de ano polo Goberno de Orozco para que o documento conte co apoio do BNG. Eses cinco aspectos serían:
1.- Extensión da cidade
O BNG non considera racional plantexar unha cidade de 340.000 habitantes e considera que o “modelo expansivo” do Goberno de Orozco fomenta “unha voracidade inmobiliaria que non é defendible” porque leva aparellados uns costes elevadísimos para o Concello á hora da prestación de servizos.
O BNG considera que é necesario colmatar a cidade, revitalizar os barrios, fomentar a rehabilitación e non aumentar o parque de vivendas baleiras que hai en Lugo (unha de cada catro, unas 12.000).
2.- Xestión urbanística
O BNG non está dacordo en que se deixe en mans da iniciativa privada a práctica totalidade do desenvolvimento da cidade. Tampouco defende a xeralización da mazá pechada, que uniformiza os barrios nin o urbanismo agresivo dentro de grandes polígonos de actuación.
O BNG propón que o Concello “se convirta en axente activo” e use os terreos que posee en San Cibrao para liderar o desenvolvimento dos polígonos considerados estratéxicos para garantir vías de comunicación prioritarias, dotacións e zonas verdes.
3.- Infraestructuras
O BNG non entende que non se teña en conta a chegada do AVE, estima que non se resolven no Plan Xeral os accesos á cidade, que deben ser melloradas as conexións no novo hospital e considera que a Variante Oeste (a nova autovía entre a A-54 e á A-6) ten un impacto ambiental enorme polo que debe ser estudada a súa supresión.
O BNG defende o traslado da vía do ferrocarril, co que se resolvería boa parte dos problemas de tráfico da cidade.
4.- Patrimonio e proteccións
O BNG considera “insuficiente” o catálogo de proteccións e estima que o patrimonio non recibe un tratamento axeitado neste Plan Xeral. O BNG solicita que se amplíe a lista de catalogacións de edificios protexidos para evitar a desaparición de patrimonio da cidade, como aconteceu co Gran Teatro, e defende unha protección integral para o barrio do Carme e a protección do Camiño Primitivo.
5.- Zona rural
O BNG non concorda co modelo de urbanizacións indiscriminadas proposto polo Goberno de Orozco para a zona rural, onde se establecen 10,2 millóns de metros cadrados de solo urbanizable en grandes bolsas de chan para urbanizacións. Daría como resultado unhas 40.000 novas vivendas na zona rural do concello.
O BNG defende un modelo distinto baseado na potenciación dos núcleos rurais tradicionais e na construcción de vivendas unifamiliares individuais.
Trámites pendentes: informe da Xunta, resposta ás alegacións e aprobación provisional e definitiva
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) en vigor desde o 4 de febreiro de 1991, iniciou o seu proceso de elaboración o día 28 de abril de 1995, cando o Pleno da Corporación Municipal de Lugo acordou iniciar o procedemento de revisión do planeamento urbanístico vixente ao considerar xustificada esta necesidade. No ano 2001, durante o Goberno municipal de coalición BNG-PSOE, aprobáronse as directrices para a revisión. O avance do novo Plan non se presentou ata decembro de 2004, cinco anos despois do primeiro borrador. A aprobación inicial non tivo lugar ata ata o 26 de xaneiro de 2006. Dende entón está pendente de que se resposten as 6.500 alegacións presentadas. Debe emitir tamén informe a Xunta de Galicia. Como último paso, deben celebrarse dous Plenos Municipais, un de aprobación provisional e outro de aprobación definitiva.
O prazo de presentación de alegacións rematou o 11 de abril deste ano. A día de hoxe, aínda non foi respostada ningunha das 6.500 alegacións presentadas por cidadáns, diversos colectivos, partidos políticos e asociacións. “Presentamos as nosas alegacións no mes de abril e dende entón nin foron respostadas nin o Goberno nos chamou para falar delas”, afirmou Xosé Anxo Lage. O voceiro nacionalista explicou que despois das eleccións de maio quedarán só 8 meses de prazo límite para aprobar o PXOM, posto que do contrario remataría o prazo máximo de dous anos de suspensión de licenzas e durante outros dous anos máis seguiría en vigor o PGOU de 1991. Por iso, a situación será “delicada” despois das eleccións e as modificacións debarán facerse “contra reloxio”.
O BNG presentou máis de 100 alegacións
O voceiro nacionalista explicou que o BNG presentou un documento con máis de 100 alegacións e que “esas alegacións serán a base da negociación co PSOE”. “O señor Besteiro afirma descoñecer cal é o modelo de cidade que propón o Bloque. É certamente preocupante que diga iso, porque o noso modelo está precisamente nese documento de alegacións e que despois de oito meses diga que non coñece as nosas alegacións é realmente grave. Vai sendo hora de que as lea se realmente ten interese en aprobar o Plan Xeral neste mandato”, respostou o voceiro nacionalista ao concelleiro de Urbanismo. “Instámolo a fixar unha reunión antes de final de ano. Senón, daremos o Plan Xeral por morto porque xa non dará tempo a aprobalo”, urxiu Xosé Anxo Lage.
O Bloque pediu formalmente hai dous meses, o 18 de outubro, a reunión da Comisión Municipal de Planeamento. A día de hoxe, o Goberno local non respostou a esta solicitude.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|