ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*As asociacións de Vidán e Laraño e ADEGA non ven avances ao respecto do verquido do Sar

Redacción 14 de setembro de 2006
As Asociación de Veciños de Vidán e Laraño e ADEGA valoran a reunión mantida o pasado martes 12 coa Concellaria de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela destacando a falta de avances significativos na búsqueda dos culpábeis do verquido de xullo no río Sar que ocasionou a mortandade masiva de peixes, así coma a falla de interese por parte das administracións competentes.

Cumprido o prazo establecido pola Lei de Acceso da Información ambiental 27/2006 para dar resposta á solicitude de resultados das análises efectuadas con motivo deste verquido, Augas de Galiza non respostou á solicitude enviada polas asociacións e informan que o Concello de Santiago de Compostela non solicitou a Augas de Galiza os resultados destas análises.

Na reunión deste martes a Concellaría de Medio Ambiente comprométese agora a pedir estes resultados e ADEGA solicitou unha entrevista co Presidente de Augas de Galiza por este tema.

As 3 asociación queren destacar a falta de interese por parte das administracións competentes na resolución deste expediente sancionador e se nun prazo razoábel non se teñen avances significativos informan que emprenderán as accións pertinentes para que as administracións públicas velen axeitada e eficazmente polos intereses públicos e lexítimos de defensa do noso medio ambiente e máis da saúde pública.

Lembran que este verquido no Sar ocasionou a morte da fauna o que indica que se trata dun verquido tóxico do que, polo momento, se descoñecen as substancias que o compoñen. Debido a isto indican existe un inminente perigo mesmo de saúde pública que ao seu ver non está sendo tratado coa dilixencia esperada.

Por último as 3 asociacións queren mudar esta situación e estarán en contacto coas administracións públicas para avanzar con novas informacións sobre o tema.

“Cando haxa que felicitar ás administracións pola súa eficacia farémolo exactamente igual que agora criticamos a súa falta de interese e eficiencia”, sentencian.

Voltar a novas


Ver anteriores