ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*O BNG insta ás forzas de seguridade e á xustiza a actuar con dilixencia ante os terroristas dio lume

Redacción 14 de agosto de 2006
A executiva nacionalista constituíu unha comisión de seguemento ante a situación provocada polos incendios forestais. O Bloque Nacionalista Galego reuniu o pasado venres dita comisión de seguemento dos lumes –formada por membros da Executiva Nacional-, que leva funcionando desde a pasada fin de semana. A organización nacionalista destacou a importancia de actuar fronte ás posíbeis tramas organizadas que poidan estar detrás desta vaga de lumes provocados á beira das poboacións; polo que pediu dilixencia ás instancias policiais e xudiciais á hora de perseguir aos incendiarios.


Por outra parte, o BNG expresa todo o seu apoio á labor do goberno e en especial á consellaría do Medio Rural polo esforzo que está facendo na loita contra o lume.

Ademais, comprometeuse a apoiar todas as iniciativas sociais que se están xerando para enfrontarse á situación, como o voluntariado ou as manifestacións celebradas estes días en varias cidades galegas. “O país está reaccionando ante esta agresión”, afirmou Francisco Jorquera, coordenador executivo do Bloque.

Nova política forestal e agraria

Os nacionalistas galegos consideran que os feitos avalan a necesidade dunha nova política forestal e agraria. Para o BNG, nos 16 anos de goberno do Partido Popular, o país converteuse nun polvorín que favorece a proliferación de lumes debido ao abandono no que se atopa boa parte do medio rural galego. Así mesmo, lembran que a administración de Manuel Fraga centrou todos os seus esforzos en extinción, descoidando a prevención e a investigación das causas dos incendios.


Voltar a novas


Ver anteriores