ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*A Mesa, Behatokia e Observatori piden ao Estado que cumpra os compromisos adquiridos a través da Carta Europea


Redacción 14 de marzo 2006 A Mesa Pola Normalización Lingüística, Behatokia (Observatorio dos Dereitos Lingüísticos do País Basco) e  Observatori de la Llengua Catalana reuníronse con varios partidos políticos no Congreso dos Deputados para lle pedir ao Estado que cumpra cos compromisos adquiridos a través da Carta Europea. Á reunión asistiron BNG, EA, ERC, Na Bai, PNV, PSC, CiU e IC-V.

Os representantes destas tres organizacións que traballan para velar polos dereitos lingüísticos dos falantes de galego, catalán e basco lembraron as recomendacións da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A Carta Europea é un tratado internacional do Consello de Europa ratificado polo Estado español, que entrou en vigor en agosto de 2001. O Consello de Europa considera que é necesaria unha transición lingüística no Estado español, a partir do modelo aínda vixente baseado na supremacía do monolingüismo castelán e cara a un modelo plurilingüe.

O decano da Facultade de Ciencias Xurídicas da Universidade Rovira i Virgili, Santi Castellà, fixo unha introdución da Carta Europea. “O informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, así como as recomendacións do propio Consello de Ministros de dito organismo, poñen en evidencia os múltiplos incumprimentos en que incorreu o Estado español”, explicou Castellà. Segundo recordou o decano, o informe conclúe: “É preciso duplicar os esforzos para educar a poboación maioritaria castelán-parlante e aos medios de comunicación estatais, coa perspectiva de fomentar unha maior aceptación e respecto polas especificidades das identidades rexionais como parte integrante do patrimonio español”.

A Mesa pola Normalización Lingüística

Os representantes de cada unha das organizacións relataron a súa situación. Carlos Callón, presidente da organización galega A Mesa pola Normalización Lingüística, explicou que en Galiza existe unha lexislación que non garante máis alá de que un terzo do ensino se produza en galego, “aínda así, esta lexislación é incumprida de forma masiva”. Callón denunciou que nin tan sequera os pais que queren escolarizar os seus fillos e fillas en galego nos primeiros anos ven garantido ese dereito. Por iso, o Consello de Europa insta as autoridades competentes a desenvolver modelos educativos esencialmente en galego. “Esta vulneración de dereitos lingüísticos tan elementais non se debería tolerar por máis tempo”.

Segundo o presidente da Mesa, o galego é a lingua do Estado que, aínda tendo unha vitalidade social moi importante, se encontra nunha situación de desprotección institucional máis acusada, o cal produciu unha alarmante caída de falantes nos últimos vinte anos que non foi corrixida. “O Comité de Expertos ademais de reiterar os problemas que denuncia en xeral tamén para o catalán e o basco, sinala particularmente para Galiza o grave problema do ensino”, acrecentou.

Descarga o descurso ao completo pronunciado por Carlos Callón premendo aqui.

Behatokia (Observatorio dos Dereitos Lingüísticos do País Basco)

En defensa dos dereitos lingüísticos do País Basco, falou Paul Bilbao, director de Behatokia (Observatorio dos Dereitos Lingüísticos). O director salientou a ‘situación especial’ de Nafarroa. “A ‘zonificación’ coa que a administración divide Nafarroa non ten lóxica”, Bilbao referiuse á distribución de Nafarroa en zonas bascófona, mixtas e non bascófona. “Mesmo o informe elaborado polo Comité de Expertos e as recomendacións do Comité de Ministros se refiren a este tema, recoñecendo que non se entende que na zona en que máis falantes de basco hai o euskara non sexa oficial”.

Paul Bilbao lembrou que é necesario que haxa máis traballadoras e traballadores con coñecemento do euskara, “así o corroborou o Consello de Europa”. Por último, o director de Behatokia aclarou que dos 13 compromisos adquiridos no ámbito da xustiza “a administración só cumpriu dous”.

Observatori de la Llengua Catalana

O coordenador do Observatori de la Llengua Catalana, Josep Romeu, pola súa banda, falou no nome da comunidade lingüística. “O Comité de Expertos do Consello de Europa felicita e valora como ‘admirábel’ o sistema educativo de Catalunya, baseado na inmersión lingüística e a non segregación do alumnado, e advirte de que os modelos de València e das Balears non garante o nivel mínimo de cumprimento da Carta Europea”, manifestou Josep Romeu.

O coordenador do Observatori tamén se referiu especialmente ao caso do Poder Xudicial: “O Comité de Expertos do Consello de Europa considera que o Estado español está a incumprir a Carta Europea ao non garantir de forma suficiente que os cidadáns e cidadás poidan acceder coa lingua catalá á administración de Xustiza. O Comité de Expertos recomenda revisar a Lei Orgánica do Poder Xudicial e repensar a exixencia de capacitación lingüística ao persoal dos xulgados”.

*Na imaxe de dereita a esquerda: Josep Romeu, coordenador do Observatori de La Llengua Catalana; Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística; Santi Castellà, Decano da Facultade de Ciencias Xurídicas da Universidade Rovira i Virgili; Paul Bilbao, director de Hizkuntz Eskubideen Behatokia (Observatorio de los Derechos Lingüísticos).

Voltar a novas

Ver anteriores