ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Lanzamento en Ourense do libro Liquidación de Existencias, de Marcos Lorenzo

Redacción 14 de marzo 2006 Hoxe, martes 14 de marzo de 2006, ás 20:15 horas, no Café Cultural Auriense (praza do Correxedor, Ourense), será presentado o libro Liquidación de Existencias, de Marcos Lorenzo, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas.

O acto contará coa presenza do escritor e xornalista Camilo Franco, Xavier Paz, editor, e mais o autor.

Liquidación de Existencias é un texto que une pensamentos, humores e poemas, sen atender a fronteiras estilísticas ou temáticas de ningún tipo. A medio camiño entre o dietario de autor, ao modo dun Nietzsche, Benjamin ou Pessoa, e a antropoloxía experimental, sen referentes claros por estas latitudes, este libro inaugura o xénero aforístico en Galiza. A través deste collage, o autor persegue acceder a unha comprensión persoal e integral do mundo no que estamos inmersos, propoñendo aos lectores unha nova forma de interpretar a nosa realidade.

Prologado por Antón Baamonde, o libro está escrito en galego e en castelán e inclúe ilustracións de Antonio Fernández Seoane e do propio Marcos Lorenzo.

Marcos Lorenzo (1970, A Coruña) é economista e antropólogo. Foi socio e fundador da cooperativa cidadanía, e exerceu como consultor nos campos da participación cidadá e da economía social. Na actualidade coordina diversos programas, tanto estatais coma europeos, orientados á integración de persoas inmigrantes. No mundo da contracultura ten sido redactor das revistas Anima+l e Ómnibus, e dirixido a Sociedade ’Patafísica do Atlántico.

«A experiencia de ler Liquidación de Existencias é similar á de situarse ante un muro cheo de graffitis: ese fragmento dispoñible da vida urbana que o artista non oficial escolle para enviar a súa mensaxe coma quen tira unha botella ao océano, na esperanza de atopar, no viandante casual, o interlocutor apropiado, alguén a quen aquel trazo lle xere unha resposta.
»
Antón Baamonde

«Estamos, pois, diante dun libro proteico, con agudeza no xuízo e sutileza nas apreciacións. [...] Unha obra para abrir a mente, con vida, sen respostas.»
Armando Broz e Xamie Subiela (revista Grial, n.º 168)

«No ambiente desmitificador das vangardas —surrealismo e dadaísmo, sobre todo— dános unha imaxe crítica do mundo que nos rodea sen ningún tipo de inhibición e politicamente incorrecta. [...] O acedume de Lorenzo non deixa fóra nin vellos nin novos.»
Manuel Rodríguez Alonso (revista electrónica Vieiros, 25/2/06)

Voltar a novas

Ver anteriores