Publicidade
Contacto
|
*O BNG alerta contra a utilización partidista das institucións galegas en América Latina
Redacción 13 de decembro de 2006 Olaia Fernández Davila e Ana Miranda mantiveron unha intensa axenda durante varios días no Cono Sur. Os procesos de designación de representantes da Fundación Galiza Emigración nos países de América Latina están a seguir criterios partidistas, segundo denuncia Ana Miranda, responsábel da Comisión de Emigración do BNG e o responsábel local do BNG en Uruguai, Manuel Saa. Os cargos designados pola Fundación Galiza Emigración son, ao mesmo tempo, os máximos representantes do PSOE en Uruguai, Arxentina e Venezuela. Así mesmo, o BNG de Uruguai denuncia que se están a entregar solicitudes oficiais de axuda para a Xunta de Galiza na sede do PSOE.
En consecuencia, os nacionalistas “agardamos que non se siga este criterio nos próximos nomeamentos da administración autonómica nos países de destino da diáspora galega”, en palabras de Ana Miranda.
Delegación do BNG en América Latina
A deputada no Congreso Olaia Fernández Davila, Miranda e o tenente alcalde de Betanzos, Andrés Otero, estiveron en Arxentina entre os días 7 e 9 deste mes, participando en varios actos, entre eles a conferencia “Novas políticas para as mulleres galegas” na Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires e actos da organización do BNG na Emigración, que vén de inaugurar sede na capital Arxentina. Así mesmo, Davila reuniuse con fillos e netos de emigrantes para intercambiar opinións e información sobre o “Estatuto dos Cidadáns Españois no Exterior”.
Ana Miranda continuou até hoxe a viaxe en Montevideo, onde tamén participou en varios actos e mantivo diversas reunións, incluíndo unha coa directiva da Casa de Galiza no Uruguai.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|