|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Galiza
Nova da Coruña rexeita a colocación da bandeira
española de grandes dimensións anunciada por
Francisco Vázquez para o 12 de outubro
Redacción
13 de outubro 2005
Incapaz de mudar a súa mentalidade
profundamente españolista, impositiva e reaccionaria e de
abandonar as súas “cosas de Paco”, o
alcalde da Coruña Francisco Vázquez continúa
coa súa particular cruzada españolizadora e
antigalega e vén de concretar a colocación na Coraza
do Orzán, en pleno Paseo Marítimo, da bandeira
española de grandes dimensións que xa anunciara logo
da celebración do Día de las Fuerzas Armadas
españolas na cidade herculina o pasado 29 de maio. A
data escollida para a súa colocación, por suposto
non por casualidade, o 12 de outubro, Día de la
Hispanidad, de la Raza ou Fiesta Nacional, como
se prefira.
Mais
non se trata dunha simple homenaxe e ostentación puntual da
bandeira española nun día concreto: deixando ben
clariño para que se pon e que representa realmente,
Francisco Vázquez vén de anunciar que a bandeira
ondeará os 365 días do ano no enorme mastro xa
colocado hai meses, converténdose así en parte
inevitábel da xeografía urbana coruñesa.
As
reaccións a tal anuncio non se fixeron agardar e até
nos foros dun xornal tan pouco sospeitoso como La Voz de Galicia
ficou claro que unha maioría de internautas rexeitan o
proxecto pacovazquiano. Galiza
Nova non ficou á parte do debate social creado na
cidade. A nosa organización rexeita frontalmente a
colocación desta bandeira e asocia claramente a súa
instalación ao proceso de españolización
forzosa da Coruña que Francisco Vázquez ten posto en
marcha, e que tivo nos últimos tempos os seus exponentes
máis salientábeis na celebración do Día
de las Fuerzas Armadas españolas o pasado 29 de maio, nas
touradas que cada ano lapidan millóns de euros do orzamento
municipal e impiden unha mellora dos festexos de María Pita
ou, máis sistemática no tempo, na “guerra do
topónimo” como parte da persecución a que é
sometido o galego por parte do goberno municipal. Esta vaga
españolizadora ten a súa orixe na maniática
obsesión pacovazquiana de reafirmar o carácter
español da cidade e negar, agachar ou destruír a
innegábel galeguidade que A Coruña encerra.
Á
nosa organización non lle preocupa o feito en si da
colocación dunha bandeira española nun lugar
céntrico dunha cidade senón a significación
que a devandita bandeira ten tras de si: neste caso- xa se
encargou o propio Francisco Vázquez de clarexalo- trátase
de afirmar “a indivisíbel unidade de España”
e, sobre todo, de negar a Galiza como nación. Para Galiza
Nova esta bandeira cobra exactamente a mesma significación
ideolóxica que o famoso “L” do topónimo.
Desde
Galiza Nova queremos, así mesmo, denunciar a imposición
antidemocrática que é, de facto, a colocación
desta bandeira nun lugar ben céntrico da cidade non
escollido precisamente por casualidade e a actitude impositiva de
Francisco Vázquez afirmando “por decreto” que a
bandeira española representa a todas e todos os coruñeses.
Sen entrar a valorar o feito de que un sector da cidadanía
poida partillar desta afirmación, é innegábel
que un outro segmento a rexeita claramente. En
calquera caso, o alcalde non debe esquecer que ter maioría
absoluta non lle dá dereito ningún a actuar como un
tirano.
Desde Galiza Nova animamos á
mocidade coruñesa e galega, e á cidadanía en
xeral, a respostar contra esta imposición e mobilizarse
socialmente contra ela participando das iniciativas que se
convoquen.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|