ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*A empresa que despediu a unha traballadora por falar en galego recibiu subvencións de Política Lingüística

Redacción 13 de xullo de 2006
A Mesa pola Normalización Lingüística reclámalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que “realice a inspección pertinente na xestoría Fuentes Fernández e a obrigue a devolver a subvención recibida”.

A Mesa agarda que haxa unha “sentenza exemplar que lle outorgue aos dereitos lingüísticos a protección que precisan”.

Onte celebrouse a vista do xuízo polo despedimento dunha rapaza, Montse Irago, da xestoría Fuentes Fernández de Pontevedra por utilizar a lingua galega no desenvolvemento do seu traballo.

Desde a empresa demandada tentouse negar que o despedimento fose por razón de lingua e, para iso, alegaron como mostras da súa “tolerancia” que realizaban neste idioma “case toda” a documentación perante a administración autonómica e local. Ademais, indicaron que solicitaran unha subvención ao departamento de Política Lingüística da Xunta para promover o galego.

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, valora como “hipócritas” estas valoracións e considera que “na xestoría Fuentes Fernández consideran tan natural a discriminación contra o galego que xa pensan que é toda unha modernidade facer os papeis en galego para xestións perante a Xunta ou o Concello de Pontevedra”.

Ademais, Callón porase en contacto “mañá mesmo” (hoxe) coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta para lle reclamar que “poña en marcha os mecanismos de inspección pertinentes, dado que unha empresa que recibiu diñeiro público que debería servir para promocionar o galego, non só non promove o noso idioma senón que mesmo despediu a unha traballadora por utilizalo”. Ademais, A Mesa vai reclamar que se lle exixa á empresa devolver a subvención recibida.

A Mesa quere parabenizar publicamente a “valentía” de Montse Irago, que decidiu levar perante a Xustiza o seu caso de discriminación, que pode axudar a abrir novos camiños para o noso idioma e que, con certeza, “contribúe a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Nese sentido, A Mesa desexa que a sentenza que se dite sexa “exemplar” e “lle outorgue aos dereitos lingüísticos a protección que precisan”.

No xuízo, estiveron apoiando á acusada varios membros da directiva da Mesa pola Normalización Lingüística, como o seu presidente Carlos Callón, a Secretaria Xeral María Xosé Jamardo, o Coordenador de Zonas Francisco Rei e a Responsábel de Mocidade, Iria Taibo. Tamén asistiu a concelleira de Cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro.

Voltar a novas

Ver anteriores