ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A MESA exíxelle á Xunta que utilice a súa forza como cliente para estender o uso do galego na telefonía móbil


Redacción 13 de marzo 2006 Carlos Callón, Presidente da Mesa: “Causa mágoa ver que a Secretaria Xeral de Política Lingüística non é capaz de ir máis alá do conseguido por un grupo de adolescentes”.

“Estraña o triunfalismo de Marisol López, cando Movistar non ofrece servizo de atención en galego aos seus clientes con contrato; noutras palabras: ningún cargo da Xunta, incluída a Secretaria Xeral de Política Lingüística, ten servizo de atención en galego”.

A Mesa considera que a Xunta debería negociar con MoviStar, Vodafone e Amena, e pasar a traballar con aquela operadora que dea opción de galego en todos os seus servizos e realice a súa publicidade na nosa lingua.


A Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou onte uns terminais de Grundig para Movistar que teñen a opción de menú en galego e, ademais, inclúen un T9 para a nosa lingua. A Mesa sorpréndese da presentación dunha “suposta novidade” que leva meses no mercado e que mesmo foi difundida xa en novembro de 2005 por esta organización (http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=600). Ademais, A Mesa recorda que Alcatel xa ofrecía anteriormente a opción na nosa lingua e que, porén, a Xunta non traballou con eles para que poidan ter tamén un T9 en galego.

Carlos Callón, o Presidente da Mesa, sinala que “os adiantos para o noso idioma nas novas tecnoloxías sempre son positivos”, aínda que “lamenta” que “a Secretaria Xeral de Política Lingüística silenciase a campaña iniciada en 2004 por un grupo de adolescentes de Brión, que despois se estendeu a toda Galiza e que tivo como un dos seus resultados este logro”. “A Secretaria Xeral apúntase propagandisticamente un paso adiante conseguido pola cidadanía, ignorando a propósito este traballo desde a base social”.

De calquera xeito, para Callón “o peor é que a Secretaria Xeral de Política Lingüística é incapaz de ir máis alá do conseguido por un grupo de adolescentes”. A Xunta ten unhas facturas millonarias con MoviStar e, porén, esta compañía non ofrece aos seus clientes con contrato un servizo de atención en galego nin realiza a súa publicidade en galego en Galiza, nin tan sequera parcialmente. Por iso, A Mesa exíxelle ao Goberno que negocie con MoviStar o uso normal do noso idioma para Galiza e, se a situación non muda, que converse con Vodafone e Amena, contratando os servizos da operadora que se galeguice.

A Mesa agarda que “a Secretaria Xeral de Política Lingüística non se manteña por máis tempo nesta inútil liña de só facer-que-se-fai, moita propaganda baleira e pouco diálogo”.

Voltar a novas

Ver anteriores