|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*Manifestación
contra a Directiva Bolkestein o martes 14 de febreiro
Redacción
13 de febreiro
2006
A
Confederación
Intersindical Galega vén de convocar unha manifestación
contra a Directiva Bolkestein, o próximo día 14 de
febreiro en A Coruña. A CIG vén desenvolvendo nas
últimas semanas unha campaña explicativa sobre as
graves repecursións que terá a aprobación
desta Directiva, e da Directiva Europea para a Ordenación
do Tempo de Traballo, para a clase traballadora galega.
A
data escollida pola CIG para celebrar esta manifestación –a
que tamén asistirá unha delegación da
Intersindical Portuguesa– coincide co debate da Directiva no
Parlamento europeo. Por iso, está previsto o seu remate
diante da delegación do Goberno co fin de facer entrega, ao
delegado do Goberno en Galiza, dun escrito no que se demanda do
Estado español que se posicione en contra nas
instititucións comunitarias.
A
CIG denuncia que tanto coa Bolkestein como coa Directiva Europea
para a Ordenación do Tempo de Traballo a UE quere aplicar
medidas de flexibilidade e ampliación da xornada laboral,
consideración do tempo de traballo inactivo como xornada
non laboral, medidas de desregulación para abartar a man de
obra como se fose mercadoría e liberalización de
sectores básicos de prestación pública que
poderían ser privatizados.
O
secretario xeral da CIG, Suso Seixo –que fixo un chamamento
a participar na mobilización- critica a ocultación
que se está a facer por parte dos distintos gobernos da UE
e, nomeadamente, por parte do goberno español, dos contidos
destas directivas e das graves repercusións que terá
a súa aplicación de seren aprobada, máis se
se ten en conta que as empresas de servizos aportan un 70% do PIB
da UE.
Con esta Directiva
apróbase o principio de “país de orixe”
que vén significar que “calquera empresa de servizos
dun país da UE poderá instalarse noutro país
membro, aplicando as condicións laborais, fiscais,
medioambientais e de saúde laboral do país de
orixe”.
A modo de exemplo, Seixo sinala que “unha
empresa de Grecia, Portugal, Lituania ou Polonia, con condicións
laborais e salarios inferiores aos noso podería instalarse
en Galiza con persoal do seu país, nunha competencia
tremenda e esmagadora para os nosos dereitos”.
O
secretario xeral da CIG advirte ademais que “a trampa é
que calquera gran empresa das nosas pode rexistrar unha filial con
domicilio social nalgún destes países e logo
instalarse aquí”.
Suso Seixo considera que iso
sería un “atentando” á clase
traballadora, porque “por moito que nos esforzaramos por ter
convenios colectivos dignos, se logo os traballadores que
desenvolveran a súa actividade en Galiza o fixeran nas
condicións de Polonia, estariamos tirando por terra a
lexislación actual dos estados con mellores condicións
laborais e sería unha contribución á
precarización laboral”.
Servizos de
interese xeral
Inicialmente
na Directiva figura que os servizos de interese xeral non estarían
afectados pola mesma. O problema é que non define que se
considera “servizos de interese xeral”. Porén
si explicita que aqueles servizos nos que xa se estebleceu a libre
concorrencia, porque xa non son competencia directa do Estado, si
estarían afectados.
Diante disto, Suso Seixo entende
que “todos aqueles sectores como a Sanidade ou o Ensino
Público que estean privatizados estarían afectados
por esta Directiva, polo que haberá que ver que
repercusións ten na redución ou rebaixa
significativa das condicións laborais”.
O
secretario xeral da CIG advirte ademais que isto converteuse nunha
medida de presión para que os propios estados foran
privatizando os seus propios servizos públicos “na
vez de ir na liña que nós defendemos que é
que os servizos sexan de titularidade pública e a non
privatización dos mesmos”.
Desregulación
Tanto
a Directiva Bolkestein como a Directiva Europea para a Ordenación
do Tempo de Traballo falan de desregulación. Un termo que
para Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de
Servizos e Afiliación e director do Gabinete Técnico
Nacional da CIG, significa “facer desaparecer a actual
regulamentación que protexe aos cidadáns, aos
traballadores e as conquistas acadadas en outro tempo e crear
outras regulamentacións que favorezan exclusivamente ao
capital privado”.
Respecto da ordenación do
tempo de traballo, Paz Lamigueiro explicou que o que significa
esta Directiva na práctica é “facer unha
xornada de 48 horas durante 7 días, eliminando do cómputo
de horas a vixianza e transporte, por exemplo, o que vai supor un
incremento dunhas 320 horas anuais”.
Paz Lamigueiro
salientou ademais a contradición que supón que se
diga que é inconstuitucional defender a soberanía
para ter capacidade de defender por nós mesmos os nosos
sectores produtivos ou definir as nosas prioridades en materia
socioeconómica e que ninguén denuncie a
inconstitucionalidade destas directivas que supoñen unha
clara transferencia de poder á UE para mudar a nosa
lexislación.
Contra a Bolkestein xa se teñen
manifestado o Consello Económico e Social Europeo e a
Confederación Europea de Sindicatos. Por iso, tanto Suso
Seixo como Fermín Paz subliñaron tamén a
contradición que supón que os sindicatos europeos, e
nomeadamente de CCOO e UGT, que no seu momento apoiaron o texto do
Tratado de Constitución Europea, que era precisamente a que
viña a consagrar estes principios neoliberais, agora
manifesten a súa posición contraria a aprobación
tanto da Bolkestein como da Directiva de Ordenación do
Tempo de Traballo. Tamén lembraron que foi precisamente o
debate que se abriu en Francia a respecto desta Directiva a que
provocou o voto maioritario en contra da Constitución
Europea.
Fermín Paz insistiu ademais en que o que
fai a CIG con este chamamento non é só “manifestarse
e pedirlle ao goberno que teña en conta que estas
directivas poden ser terríbeis para a clase traballadora
senón tamén subliñar que as centrais
sindicais CCOO e UGT non están á altura das
circunstancias, porque diante deste tema non podemos quedar
calados, nin os traballadores poden quedar marxinados deste
debate. É moi importante que lle deamos unha resposta a
estas directivas porque poden supor un retroceso brutal para o
conxunto dos dereitos da clase traballadora”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|