ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Municipais 07: o BNG constitúe o Comité Nacional Eleitoral para levar o cambio galego aos concellos do país


Redacción 13 de febreiro 2006 O Bloque Nacionalista Galego vén de constituír o seu Comité Nacional Eleitoral con vistas a preparar as eleccións municipais de Maio de 2007 e co obxectivo de levar o cambio galego a todos os concellos do País. A formación nacionalista aspira a incrementar sustancialmente tanto o número de concelleiros e concelleiras como de Alcaldías.

Constitúen o Comité Nacional Eleitoral o secretario de Organización da Executiva Nacional, Luís Obelleiro; o de Acción Municipal, Roberto Mera; a de Propaganda e Imaxe, Cecilia Pérez Orxe; e o de Finanzas, Luís Barcia.

O BNG está convencido de que apartir de Maio de 2007 os concellos do país acompañarán tamén o proceso de cambio galego do que o nacionalismo é motor desde o Goberno da nación. A formación nacionalista aspira a incrementar sustancialmente tanto o número de concelleiros e concelleiros como de Alcaldías. A percepción que ten o BNG é que os veciños e as veciñas valoran moi positivamente o traballo dos grupos municipais da organización frentista porque entenden que a opción nacionalista é a opción máis acaída para defender os seus intereses nos seus respectivos concellos e para garantir que estes xoguen un papel positivo no afortalamento do autogoberno nacional.

Entre os cometidos do Comité Nacional Eleitoral atópanse os de analizar a situación política en cada un dos concellos do país e elaborar un mapa de obxectivos eleitorais co que os nacionalistas afrontarán os comicios municipais. Na súa primeira reunión, o Comité Nacional Eleitoral estabeleceu un plano de traballo que inclúe un calendario de encontros con todas as organizacións comarcais do BNG para definir os obxectivos e a estratexia en cada Concello e o deseño de actos preeleitorais nacionais e comarcais que se desenvolverán ao longo do ano 2006. Para este traballo de diagnose e fixación de obxectivos, os grupos municipais xa elaboraron nos últimos dous meses amplos informes sobre a situación política municipal, estratexia do BNG e perspectivas eleitorais.

ALTERNATIVA DE TRANSFORMACIÓN REAL

De acordo coa avaliación de Roberto Mera, “o actual contexto político, a nosa presenza no goberno galego e no goberno da Deputación da Coruña e a boa valoración social que o noso traballo na Xunta e nos concellos está recibindo supoñen unha motivación engadida para as organizacións e os grupos municipais que xa traballan con ilusión no reto das municipais de 2007”.

Mera conclúe que “a alternativa ilusionante, de cambio e transformación real para os nosos concellos é sen dúbida o BNG. Nos concellos nos que o nacionalismo non ten responsabilidades de goberno, temos sido claramente a forza política referente para os veciños desenvolvendo un traballo de oposición serio, construtivo, responsábel e eficaz. Agora, tralo cambio galego unha maioría de veciños e veciñas queren e reclaman novos gobernos municipais e nós asumimos con responsabilidade o noso papel de alternativa e a nosa vocación de gobernar nos concellos do País.”


Voltar a novas

Ver anteriores