Publicidade
Contacto
|
*O BNG pide a reprobación de Besteiro como Concelleiro de urbanismo de Lugo por non ter sido capaz de aprobar o Plan Xeral en todo o mandato
O Plan Xeral paso a paso: a historia dun fracaso por Xosé Anxo Lage
Redacción 12 de decembro de 2006 O voceiro do BNG, Xosé Anxo Lage, esixe a comparecencia de Orozco no vindeiro pleno
para que aclare se vai aprobar o PXOM antes das eleccións ou non, en que fase de
tramitación se atopa e cando se van respostar as 6.500 alegacións presentadas. O BNG afirma que Orozco quere deixar o PXOM para despois das eleccións polo forte rexeitamento
social que provoca, algo que Lage considera inaceptable porque “hai dotacións e infraestruturas
moi importantes para esta cidade paralizadas ata que se aprobe o Plan Xeral”.
O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Lage, foi hoxe contundente ao pedir a reprobación de José Ramón Gómez Besteiro como concelleiro de Urbanismo por non ter sido capaz de aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal en todo o mandato. Lage, que leu unha detallada cronoloxía co acontecido co PXOM dende o ano 2003 e que titulou O Plan Xeral paso a paso: a historia dun fracaso, afirmou que “Besteiro non ten xa ningunha credibilidade logo de ducias de prazos, datas e anuncios incumpridos de forma reiterada”, polo que pide o seu cese “polas súa manifesta incapacidade e polas súas reiteradas mentiras en relación ao Plan Xeral”. O BNG esixe a Orozco que “dea a cara” e explique que vai pasar co PXOM.
Para iso, o BNG presentou hoxe un escrito no rexistro do Concello no que pide a comparecencia de Orozco no vindeiro pleno para que aclare se o Plan Xeral se vai aprobar antes das eleccións ou non, en que fase de tramitación se atopa o documento e cando se van respostar as 6.500 alegacións presentadas por cidadáns, asociacións e colectivos.
Ao mesmo tempo, o Bloque pide que nese mesmo pleno, que se celebrará o día 27 deste mes, lle sexan retiradas a Besteiro as competencias en Urbanismo. Xosé Anxo Lage considera que a súa reprobación “está máis que xustificada despois de catro anos de enganos e incumprimentos”. O voceiro do BNG afirmou que a súa “irresponsabilidade” está a ter “graves consecuencias” para a cidade de Lugo. “Hai dotacións e infraestruturas moi necesarias para esta cidade paralizadas, esperando que se aprobe o PXOM”, afirmou Lage, que puxo como exemplos a gardería do campus ou a residencia de ASPNAIS.
Lage califica de “fracaso con maiúsculas do Goberno de Orozco” este novo retraso no PXOM e lembra as reiteradas manifestacións do alcalde e o concelleiro de Urbanismo dando prazos que nunca se cumpren para a tramitación do documento. “Levan sete anos con PXOM a voltas e non foron quen de sacalo adiante. Penso que é unha mostra máis que evidente da provervial ineficacia deste Goberno de maioría absoluta”, opina o voceiro do BNG.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) en vigor desde o 4 de febreiro de 1991, iniciou o seu proceso de elaboración o día 28 de abril de 1995, cando o Pleno da Corporación Municipal de Lugo acordou iniciar o procedemento de revisión do planeamento urbanístico vixente ao considerar xustificada esta necesidade. No ano 2001, durante o Goberno municipal de coalición BNG-PSOE, aprobáronse as directrices para a revisión. O avance do novo Plan non se presentou ata decembro de 2004, cinco anos despois do primeiro borrador. A aprobación inicial non tivo lugar ata ata o 26 de xaneiro de 2006. Dende entón está pendente de que se resposten as 6.500 alegacións presentadas.
Non foi respostada nin unha soa alegación dende abril
Segundo explicou o voceiro nacionalista, a día de hoxe non se respostou nin unha soa alegación e “van xa 8 meses dende que foron presentadas”. O voceiro do BNG, Xosé Anxo Lage, está convencido de que Orozco quere deixar o PXOM para despois das eleccións polo forte rexeitamento social que provoca e considera que está a usar a Lei de Avaliación Ambiental como excusa. “Orozco prefire non aprobar o PXOM antes que presentarse ás eleccións diante dos lugueses con este Plan, que xera un tremendo descontento na cidadanía. Pero se é así, Orozco debe explicalo aos cidadáns, vai sendo hora de que o señor Orozco diga a esta cidade que vai facer co Plan Xeral”, reclamou Lage.
O voceiro do BNG censurou tamén a Orozco que non convocase aínda, a día de hoxe, aos partidos da oposición para tratar de consensuar o PXOM e sacar adiante o documento. Esa reunión foi anunciada por parte do Goberno local fai catro meses. “Estamos aínda agardando que Orozco nos chame para falar das alegacións presentadas polo BNG”, indicou Lage.
Oito meses para aprobar o PXOM despois das eleccións
Para o Bloque “é negativo para a cidade non contar cun Plan Xeral que regule o urbanismo na cidade”, mais estima que o Plan elaborado polo Goberno de Orozco “non é o PXOM que Lugo se merece”. O BNG insiste en pedir, “cambios de calado” no modelo proposto, dos que deu traslado ao Goberno local nas máis de 100 alegacións presentadas polo Bloque ao documento.
O candidato do BNG á alcaldía xa anunciou que, se Orozco non ten maioría absoluta despois das eleccións, o PXOM será modificado en cinco aspectos fundamentais: extensión da cidade, xestión privada, infraestruturas de acceso e comunicación, defensa insuficiente do patrimonio e urbanización indiscriminada da zona rural.
O voceiro nacionalista explicou que despois das eleccións de maio quedarán só 8 meses de prazo límite para aprobar o PXOM, posto que do contrario remataría o prazo máximo de dous anos de suspensión de licenzas e durante outros catro anos máis seguiría en vigor o PGOU de 1991. Por iso, a situación será “delicada” despois das eleccións e as modificacións debarán facerse “contra reloxio”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
Publicidade:
|