ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*Preséntase BUH!, a última proposta de Berrobambán Teatro


Chuza! esta nova!
Redacción 12 de decembro de 2006 A quen non lle gusta compartir o medo cos amigos e coas amigas, sentir xuntos as cóxegas no estómago, os arrepíos nas costas? O medo adoita ser máis poderoso ca nós, o medo gaña case todas as batallas, vólvenos criaturas pequenas e indefensas. Pero, que acontecería se ao medo lle puxésemos un nariz de pallaso? Pode o medo rir de si mesmo? Podémonos rir do medo? Por suposto. Ademais, é moi probable que, cando nos riamos del, o medo se volva unha criatura pequena e indefensa. E todo por poñerlle un nariz de pallaso.

Preséntase deste xeito BUH!, a última proposta de Berrobambán Teatro, que vai ter a súa estrea este vindeiro venres, día 15, ás 20:30h na Casa da Cultura de Serra de Outes.

A entrada será gratuíta até completar o aforo.

A peza está dirixida por Paula Carballeira ao abeiro dun texto de creación colectiva e interpretarana Lorena Conde, Chiqui Pereira, Teresa Rodríguez e Manuel Vázquez.

A compañía:

Berrobambán nace no ano 95 como unha Asociación Teatral co obxectivo de potenciar diferentes manifestacións artísticas e culturais, entre as que destacaría o teatro. Hoxe, Berrobambán teatro é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde a súa profesionalización, a compañía presentou os seguintes espectáculos destinados a público infantil: Diariamente, en cartel desde o ano 2000, que estivo presente nas programacións infantís galegas máis prestixiosas e que ademais tivo unha ampla traxectoria internacional. No ano 2001 estrea o espectáculo musical Dous contos sen final e un final por fin e no 2002 o concerto Movementos para trasnos e trastes . No ano 2006 o renovado Centro Dramático Galego encarga a membros de Berrobambán a montaxe para a público infantil A Cabana de Babaiagá.

Ademais do seu traballo adicado a público infantil a compañía ten aberta unha liña de traballo orientada a público adulto con obras como “NdC.”, estreada no ano 2001 a partir de textos de Rodrigo García ou o espectáculo de cabaré punkarra “Vendetta” estreado no ano 2004.

Berrobambán está comprometida coa promoción da cultura galega e desenvolve proxectos con este obxectivo como a posta en marcha da primeira programación estable de teatro familiar en Galiza chamada Asteroide B-612 e que se desenvolveu nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol. Durante 2006 a compañía estivo a traballar tamén no CIRCO-LAR, a programación familiar do proxecto A CULTURA CIRCULA.

A directora:

Paula Carballeira traballa para público infantil dende diferentes eidos da creación artística. Ten publicados 12 libros de literatura infantil e xuvenil traducidos a seis idiomas. Neste ano 2006 vén de gañar o I premio Manuel María de Texto de Teatro Infantil convocado polo IGAEM coa obra “Boas Noites”. Dirixiu espectáculos destinados a este tipo de público tanto para a súa compañía, Berrobambán, como para outras compañías como Talía (“Mundos Contados”) ou o Centro Dramático Galego (“A Cabana de Babaiagá”). Ademais é especialmente coñecida como contadora de contos en circuítos nacionais e internacionais e como actriz en series de televisión como “Pepe o Inglés” ou “Libro de familia”.

Actores /actrices: Lorena Conde, Chiqui Pereira, Teresa Rodríguez, Manuel Vázquez
Dirección: Paula Carballeira
Texto: Creación colectiva
Música: Manuel Vázquez
Deseño de Escenografía: Cristina F.
Realización de Vestiario: Mercedes Torres "Isi"
Deseño gráfico: X.Carlos Hidalgo

As últimas datas confirmadas para a xira de BUH! son as que seguen:

15 de decembro....... casa da cultura OUTES
30 de decembro....... salón teatro SANTIAGO
2 de xaneiro............ Gustavo Freire LUGO
10/11/12 xaneiro...... Teatro Principal SANTIAGO
15/16/17/18/19/22 ....Teatro Principal SANTIAGO
28 xaneiro............... CC Caixanova VIGO
11 febreiro.............. Auditorio CAMBADOS
3 marzo................... Sala Bahía FOZ
22 abril................... Casa Cultura MUROS
23 abril................... Casa Cultura MUROS
3 maio.................... Auditorio RIBADEO
11 maio.................. Teatro Lauro Olmo O BARCO
13 maio.................. Auditorio BERTAMIRÁNS
14 maio.................. Auditorio BERTAMIRÁNS
9 xuño................... Auditorio VIGO

Voltar a novas

Ver anteriores

Publicidade: