ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*O BNG de Betanzos esixe a María Faraldo desculpas públicas á cidadanía

Redacción 12 de setembro de 2006
Ante a polémica levantada coa filtración da circular interna do Partido Popular da Coruña, asinada pola Secretaria Provincial de Organización, María Dolores Faraldo Botana, na que se recomendaba aos alcaldes do PP dilatar no tempo a sinatura do convenio para crear as brigadas forestais, o BNG de Betanzos demanda unha desculpa pública á portavoz da oposición na Corporación betanceira (gobernada polo bipartito PSOE-BNG).

A dicir dos nacionalistas, esta lamentable estratexia política do PP determinou que houbese trinta concellos gobernados polo Partido Popular que optasen por non asinar finalmente o convenio, entre eles, na comarca de Betanzos, os de Aranga e Abegondo, nos que se produciron incendios de intensidade diversa na primeira quincena de agosto.

Os nacionalistas lembran, ademais, o acontecido na última sesión plenaria do Concello de Betanzos, celebrada o 30 de agosto, onde María Dolores Faraldo Botana, portavoz municipal do Partido Popular, en defensa dunha moción-tipo presentada polo seu partido en toda Galiza con motivo da vaga de lumes, acusou aos “ecoloxistas radicais” de estaren detrás dos incendios.

A dicir do BNG, estratexias coma esta son recorrentes en Betanzos, onde as arelas de conseguir o poder de María Faraldo e o PP determinan posicionamentos políticos onde priman a manipulación, a calumnia e a vella máxima de “a fin xustifica os medios” con tal de desgastar ao goberno saído das urnas. Para o BNG, nin Betanzos nin a cidadanía galega merecen este tipo de actitudes, actitudes que atentan frontalmente contra a democracia e a dignidade da clase política.

Voltar a novas


Ver anteriores