|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Quintana
propón un salario social de inserción para mozos e a
criazón de 20.000 vivendas protexidas
Redacción,
12 de maio
2005. “Os
estudantes galegos irán votar, pese aos exames, para
conseguir o cambio galego”, vaticina Ana Pontón. O
portavoz nacional do BNG
e candidato á presidencia da Xunta, Anxo
Quintana, anunciou hoxe nun acto con 200 mozos e mozas que un
futuro goberno nacionalista creará 20.000 novas vivendas
protexidas durante a próxima lexislatura e que porá
en marcha un departamento específico encargado de todos os
temas de vivenda baixo a denominación de Consellaría
de Habitabilidade e Territorio.
“Queremos
facer da vivenda tema central da nosa futura actuación de
goberno e xa anunciamos que imos facer menos estradas que non
levan a ningures e gastaremos menos en cemento inútil para
adicalo a vivenda”, salientou Quintana nun acto organizado
por Galiza Nova e no que tamén participaron as candidatas
pola provincia de A Coruña Ánxela Bugallo e Ana
Pontón.
Esa
cifra de vivendas, explicou, sería tanto de nova
construción como de rehabilitación, “non en
van temos o parque de vivendas abandonadas máis alto de
Europa”. O líder nacionalista explicou que a
redistribución de oportunidades é unha das
características do cambio galego que propugna o BNG, “e
algúns dos mozos e mozas deste país non teñen
ningunha oportunidade de acceder a unha vivenda, isto hai que
modificalo, e niso consiste o cambio galego”.
Simultaneamente
a esta estratexia de vivendas protexidas, o candidato do BNG
explicou que un goberno nacionalista poría en marcha “un
servizo nacional de transporte” que conecte os milleiros de
núcleos urbanos de todo o país entre si, para
favorecer un adecuado asentamento da poboación.
“Isto
é unha proposta totalmente distinta á que a diario
nos ofrecen Fraga e Feijoo, convertidos no Santo Patrón do
ladrillo profesional”, ironizou.
Quintana
salientou que, a diferenza doutros responsábeis políticos,
el conta coa credibilidade de ter posto en práctica con
éxito, cando tivo responsabilidade de goberno, as propostas
en materia de vivenda que agora defende.
MENOR
EMANCIPACIÓN XUVENIL
As propostas programáticas
do BNG para a xuventude foron expostas polo miúdo pola
candidata número 4 pola Coruña Ana Pontón,
quen salientou a necesidade de pór en marcha un salario
social de inserción para os mozos que lles permita a estes
sobrevivir mentres non se incorporen ao mercado laboral, sen verse
obrigados a aceptar traballos que non están acordes nin coa
súa preparación nin coas súas expectativas.
As dificultades dos mozos e mozas de Galiza para achar un emprego
digno e acceso á vivenda explican, alegou Pontón, “o
menor índice de emancipación xuvenil de Galiza ao
respeito do conxunto do Estado”.
Para Pontón,
estes son algúns dos problemas ser resolver que figuran no
debe de Manuel Fraga e asegurou que os estudantes irán
votar “para acadar o cambio galego que defende o BNG, pese
aos exames”, concluíu.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|