ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*Neste mandado producíronse 18 sentenzas xudiciais condenatorias para o Concello de Lugo en materia de persoal

SENTENZAS CONDENATORIAS PARA O CONCELLO DE LUGO EN MATERIA LABORAL NO PERIODO 2003-2006

Chuza! esta nova!
Redacción 11 de decembro de 2006 Estas sentenzas, 8 delas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, supuxeron un desenvolso das arcas municipais de 700.000 euros en concepto de indemnizacións pola “nefasta política laboral” do Goberno de Orozco que “está levando ao descrédito á institución municipal ao nivel mesmo da Deputación de Cacharro”.

O candidato do BNG censura que o Goberno de Orozco non fose capaz nos catro anos de maioría absoluta de chegar a nin un só acordo cos representantes dos traballadores do Concello e proponlles aos sindicatos “comezar de cero” nas relacións co Concello despois das eleccións municipais de maio.

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Lage, fixo balance o pasado venres dos catro anos de maioría absoluta de Orozco no que se refire á política laboral. Lage explicou que froito da “nefasta” xestión do Goberno de Orozco en materia de persoal e de contratacións, neste mandato producíronse 18 sentenzas xudiciais condenatorias para o Concello de Lugo que supuxeron o pago de indemnizacións por parte das arcas municipais por un importe de 700.000 euros.

No transcurso dun encontro coa CIG, co que o candidato nacionalista pechou os encontros que a semana pasada mantivo coas organizacións sindicais da cidade, Xosé Anxo Lage acusou a Orozco de “degradar á institución municipal coa súa política laboral e de contratacións ao nivel mesmo da Deputación de Cacharro”. Lage explicou que “non hai ningún outro Concello de Galiza, nin sequera a Deputación Provincial de Lugo, que acumule 18 sentenzas condenatorias en materia de persoal nun só mandato”.

Segundo revelou o BNG, o Goberno de Orozco perdeu a totalidade das demandas xudiciais que lle foron presentadas polos traballadores ou os sindicatos dende 2003. Das 18 sentenzas contra o Concello de Lugo hai 8 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Cuestionan o sistema de contratación empregado polo Goberno de Orozco por supoñer “fraude de lei”, anulan a relación de postos de traballo, a oferta de emprego público e o reparto da productividade do Concello e consideran improcedentes moitos dos despidos efectuados. Ademais existen dúas de suma gravidade que condenan a Orozco por “desviación de poder” e “persecución sindical”. Esta situación “esixe tomar medidas e rematar coas prácticas absolutamente arbitrarias e inxustas nas contratacións. É preciso volver á xeira da legalidade en materia laboral”, demandou Lage.

Unha R.P.T. á que se opoñen todos os sindicatos

O último episodio dos desencontros do Goberno de Orozco coas traballadoras e traballadore é a presentación, a pasada semana por parte do Goberno local, dunha Relación de Postos de Traballo (R.P.T.) que non foi previamente consensuada coas organizacións sindicais. Xosé Anxo Lage comprobou, nas xuntanzas celebradas esta semana con UGT, CCOO, CSIF e CIG que todos os sindicatos están en contra desta R.P.T. e anunciáronlle ao BNG que a van recurrir.

O candidato do BNG propúxolles aos sindicatos “comezar de cero” a partir do vindeiro mes de maio nas relacións entre o Concello e os traballadores. Lage afirmou que “o Concello de Lugo está hoxe nunha situación delicada en materia de política laboral e de contratacións” e censurou que “o Goberno de Orozco foi incapaz, nos seus catro anos de maioría absoluta a chegar a nin un só acordo con ningún sindicato”. O candidato nacionalista defendeu que “é imprescindible dar un xiro en materia laboral despois das vindeiras eleccións municipais” e ofreceu un “pacto laboral” aos sindicatos para acabar coa “situación de conflictividade” que en materia de persoal e de contratacións se vive no Concello de Lugo.

SENTENZAS CONDENATORIAS PARA O CONCELLO DE LUGO EN MATERIA LABORAL NO PERIODO 2003-2006

Voltar a novas

Ver anteriores

Publicidade: