ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*O xoves, xuízo en Vigo contra Eleuteiro Estevez Carracedo, actual xerente da Empresa Raul de transportes, por supostos "atentados contra a liberdade sindical"

Redacción 11 de setembro de 2006
O vindeiro xoves, dia 14, vai-se celebrar xuizo no Xulgado do Penal Nº 1 de Vigo contra Eleuteiro Estevez Carracedo, actual xerente da Empresa Raul, de transporte de viaxeiros entre o Condado-Mondariz e Vigo, por “atentar, supostamente, contra a liberdade sindical”, por mor dos despedimentos que este mesmo xerente realizou no ano 2.003 de candidatos da CIG no proceso de Eleicións Sindicais.


Desde hai mais de 10 anos, a CIG ten denunciado innumerabeis situacións de abuso laboral e violación de dereitos que se producen na Empresa Raul, horarios, descansos, vacacións, abuso nas contratacións, incumprimentos do convenio, etc. unha constante que non é exclusiva de nengunha empresa, só que na Empresa Raul acontece con asuntos tan importantes como é o descanso de condutores de autobuses, e acontece día tras día, segundo informa a CIG.

Este procedemento de denuncia ten provocado na xerencia unha continua tentativa de arredar á CIG da representación dos traballadores, informan, con promoción de asembleas para revocar aos delegados (por 2 ocasións) ou, como foi o caso, despedimento de candidatos de dita Central Sindical no ano 2.003.

A instancias da CIG, a fiscalía aceitou abrir investigacións, despois que os candidatos no proceso do 2.003 foran readmitidos cunha sentenza que declarara nulos os despedimentos e unha anulación do proceso eleitoral por parte do árbitro que entendeu o asunto na Oficina Pública de Rexistro de Eleicións Sindicais da Consellaría de Traballo.

Agora, o Xulgado do Penal Nº 1 de Vigo, acordou abrir causa contra este individuo, acusandoo de atentar contra dereitos fundamentais, como é a liberdade sindical, o que supón o primeiro caso deste tipo que se vai xulgar polo penal en Galiza.

Pola contra, fronte a este primeiro proceso contra un xerente, a clase obreira galega leva sofrido, nos últimos anos, varios procesos que teñen acabado en condeas inxustas e desmedidas, indica a Intersindical.

O Confederación Intersindical Galega (CIG), ademáis de se felicitar pola actuación do Ministerio Fiscal neste caso, agardan que quede claramente demostrada a actuación delictiva deste xerente, para poder ver unha sentenza condenatoria que serva de exemplo para un importante número de patróns que pretenden, pola via da coacción e as ameazas, impedir o libre exercicio de representación dentro das empresas, coñecedores que os representantes da CIG teñen a capacidade e o interese constante de defender e informar dos seus dereitos ás traballadoras e traballadores, indican, e apontan que "en tanto iso non acontece con tantas delegadas e delegados eleitos con outras siglas e ao abrigo das actuacións patronais, para despois servir intereses ben diferentes daqueles da clase traballadora que se di representar; é aí onde radica o interese patronal en manipular os procesos de eleicións sindicais dentro das empresas".

A CIG vai estar presente como parte acusatoria, sumando-se ás peticións de cárcere que formula a fiscalía.

Voltar a novas

Ver anteriores