|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*A Mesa replícalle aos xuíces decanos que "non hai xustiza de calidade sen o galego" e pídelles que "reflexionen" e non fagan "declaracións frívolas sobre os dereitos lingüísticos"
Redacción 11 de xuño de 2006 O Consello de Europa afirma nun informe de 2005 que a xustiza é un dos ámbitos onde máis se vulnera o dereito ao uso do galego.
Carlos Callón: "A inmensa maioría da sociedade quere que o galego deixe de estar nunha situación de inferioridade xurídica".
Nas conclusións dunhas xornadas de traballo celebradas polos xuíces decanos galegos considérase "innecesaria calquera obrigatoriedade do deber de coñecer o galego para exercer a xurisdición" e o xuíz decano de Ourense, organizador de dito encontro, declarou aos medios de comunicación que "no ámbito da xustiza galega non se detectou ningún problema no referente ao uso da lingua".
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, lamenta que haxa xuíces decanos que "fagan declaracións frívolas sobre a continuada vulneración de dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza en Galiza", unha situación tan precaria que mesmo foi denunciada no ano 2005 polo Consello de Europa, no seu informe sobre a aplicación en Galiza da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Callón lembra que "en Galiza, mesmo hai parellas que tiveron que casar con intérprete porque o xuíz de turno se negou a utilizar o galego".
Callón pide "reflexión e xenerosidade de todos os sectores implicados para termos unha xustiza de calidade, algo imposíbel se non se ten en conta a lingua galega". "A inmensa maioría dos galegos e das galegas, independentemente do idioma que utilicen no seu día a día, queren que o galego non estea nunha situación de inferioridade e que, quen o queira utilizar, o poida facer sen discriminacións de ningún tipo."
Recomendacións do Consello de Europa no seu informe de 2005
A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias é un tratado internacional do Consello de Europa ratificado polo Estado español, que entrou en vigor en agosto de 2001. Cada tres anos, o Consello de Europa elabora un amplo informe sobre o nivel de cumprimento deste tratado internacional. O último destes informes foi no ano 2005 e, para o ámbito da xustiza no territorio galego, o Consello de Europa reclamou as seguintes mudanzas:
- Emendar o marco legal con miras a clarificar que as autoridades xudiciais criminais, civís e administrativas galegas levarán a cabo os procedementos en galego a petición dunha das partes;
- Garantir formalmente ao acusado ou á acusada o dereito a usar o galego mesmo que el ou ela domine o castelán;
- Levar a cabo as medidas precisas para asegurar, da maneira axeitada, que as partes dun procedemento son informadas especificamente da obriga das autoridades xudiciais en Galiza de levar a cabo os procedementos en galego se unha das partes así o solicita, en conformidade cos compromisos adquiridos por España baixo o Artigo 9 parágrafo 1.a.i, 1.b.i e 1.c.i da Carta;
- Levar a cabo as medidas precisas para aumentar a proporción de persoal xudicial en Galiza, a todos os niveis e especialmente entre os xuíces e os fiscais, que poida usar o galego como lingua de traballo nos tribunais;
- Desenvolver planos de ensino apropiados para o persoal xudicial así como para os avogados e as avogadas.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|