Publicidade
Contacto
|
*Manifestación: Sábado 11 de Novembro, ás 12 h na Autoridade Portuaria de Ferrol
Redacción 10 de novembro de 2006 O Comité de Emerxencia convoca para o sábado 11 de novembro, ás 12 da mañá, unha manifestación diante da Autoridade Portuaria para pedirlle que revoque a súa proposta de dragado da canle de entrada/saída da Ría de Ferrol. Despois de que nas últimas semanas fíxose publico que a Autoridade Portuaria de Ferrol ten programado para o ano 2007 un dragado a canle de entrada/saída da Ría, o Comité Cidadán acordou convocar para o vindeiro sábado 11 de novembro, ás 12 da mañá, unha concentración no porto de Ferrol e nas proximidades do edificio da Autoridade Portuaria.
A manifestación partirá do extremo onde atracan as lanchas de Mugardos, e percorrerá o “Paseo da Mariña” ata o edificio da Autoridade Portuaria, onde se realizará unha concentración para denunciar a súa proposta de dragar a canle de entrada/saída da Ría, cando está próximo a ser inaugurado o Porto Exterior en Cabo Prioriño que poderá recibir os grandes buques e as mercancías perigosas ou nocivas, polo que non será necesario que entren ao porto interior.
O custo anunciado para o devandito dragado, un millón e medio de euros, sería un malgaste de recursos e podería ter como finalidade temeraria facer un favor a Reganosa, empresa que non ten autorización para entrar en funcionamento, contra a que existen once contenciosos admitidos a trámite, e neles xa se produciron dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulan a tramitación ambiental de Reganosa e que están pendentes de ser ratificadas polo Tribunal Supremo. Así mesmo na Comisión Europea existe un expediente contra o estado español por vulneración da directivas Seveso II de prevención de riscos de accidentes graves por sustancias perigosas.
É evidente que Reganosa sería unha ameaza para a vida humana e o medioambiente no caso de chegase a entrar en funcionamento dentro da angosta Ría de Ferrol encastada a un complexo petroquímico xa existente e con 40.000 habitantes ao redor nun radio de 3 quilómetros
No Rexistro da Autoridade Portuaria entregarase un escrito para o seu Presidente solicitándolle reflexione e revogue tal dragado da canle proposta na planificación de investimentos 2006-2010 da devandita Autoridade Portuaria, e que o millón e medio de euros emprégueo para rexenerar a Ría de Ferrol, eliminando lodos e recheos como os do peirao carboeiro que ENDESA vai deixar de utilizar.
Tamén ao actual Presidente da Autoridade Portuaria solicitaráselle que analice e revise os informes que os seus antecesores Guillermo Grandio e Ángel do Real enviaron nos anos 2001 e 2004 á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas. Os devanditos informes non garanten que Reganosa poida cumprimentar a Norma europea EN-1532 segundo a cal en caso de emerxencia durante a descarga de gaseiros estes deben poder saír a mar aberto polos seus medios e con rapidez, ademais de que o lugar de descarga debe estar situado augas fóra da canle principal navegable, todo o cal pódese cumprimentar no Porto Exterior pero é imposible desde Punta Promontorio. Así mesmo recordaráselle que o diñeiro da Autoridade Portuaria non é para facer favores e que a Directiva Seveso II en canto a distancias suficientes ás poboacións tamén é aplicable aos buques gaseiros, por ser instalacións perigosas que poden producir accidentes graves.
En cumprimento da lexislación vixente comunicouse á Subdelegación do Goberno a convocatoria de devandita manifestación, sobre a que tratará a IX Asemblea Cidadá convocada para o martes 7 de novembro, no local da A.VV de Ferrol Vello, ás 19,30 dá tarde, onde tamén o Comité Cidadán informará sobre as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, recursos da Xunta ao Tribunal Supremo, ultimas respostas do Goberno Central e da Comisión Europea.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|